A Plataforma polo Emprego, anfitrioa este xoves do segundo Batido Sinérxico da Economía Social

10/07/2018 O pasado 14 de xuño comezaban na sede da cooperativa Miraxe os Batidos Sinérxicos de Economía Social, unha aposta do Concello de Santiago coa que se quere deseñar ferramentas e accións vinculadas á promoción da economía social na cidade

Nesta primeira cita, que se repetirá todos os segundos xoves de mes ao redor dun almorzo solidario a cargo de Panxea s. coop. galega, participaron once entidades de economía social da cidade, ademais da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández e da responsable técnica do proxecto, Carme Casado.

O obxectivo principal deste encontro inicial, o Batido Bos Días!, foi establecer unha folla de ruta coa que definir as iniciativas acordadas durante os Almorzos do Bo Facer 2017, así como idear un briefing que, entre outras cousas, facilite a creación dun selo identificativo para as entidades de economía social de Compostela, que axude a visualizar o valor diferenciador e de calidade das entidades e dos espazos vinculados a elas.

Continuarase este traballo este xoves no que será o segundo dos batido sinérxicos, o Batido Sigamos Cooperando, que se celebrará o xoves 12 de xullo en horario de 9:30 a 11:30 na sede da Asociación Veciñal A Xuntanza (corredoira das Fraguas, 37 baixo - Barrio de San Pedro), actuando como anfitrioa a Plataforma polo Emprego.

Estas accións forman parte do programa Compostela Móvese con S de Social 2018, xa aprobado en Xunta de Goberno Local. Este programa conta con un orzamento de 80.000 € para o ano 2018. Os encontros e as que serán as III Xornadas de Economía Social, xunto coa revisión do catálogo de empresas e entidades de economía social ten un orzamento de 15.000 €. O programa inclúe ademais un orzamento de 15.000 € para o desenvolvemento das actividades de promoción do sector da economía social que se concreten con este colectivo ao longo dos Batidos Sinérxicos de Economía Social. Supón a continuidade dos traballos en materia de economía social iniciados no ano 2016.

As Xornadas de Economía Social
Por terceiro ano consecutivo, e, como apoio e complemento aos Batidos Sinérxicos coa Economía Social, o CERSIA acollerá en outubro, tamén o segundo xoves de mes, unhas xornadas cuxo obxectivo principal será responder a dúas cuestións fundamentais: como axuda a economía social a transformar Compostela nunha cidade máis sostible e solidaria, e de que xeito podemos colaborar con esta transformación de xeito individual e colectivo.

O programa, que aínda está en desenvolvemento, completa a proposta xeral que dende o propio Concello quere xerar espazos de diálogo que permitan afianzar o desenvolvemento dunha economía que pon as persoas e o seu traballo no centro do sistema e establece definitivamente os segundos xoves de mes como o día da economía social en Compostela.



Compartir:
Economía Social compostela móvese emprender competitividade eusumo