FINSA e a Asociación Forestal de Galicia acordan un plan para revalorizar o piñeiro

17/07/2018 A Asociación Forestal de Galicia e a empresa FINSA, líder en España e en Galicia na transformación de madeira de coníferas, asinaron un acordo polo que se comprometen a impulsar e liderar un plan de revalorización dos montes de piñeiro de Galicia. Ambas as partes identifican unha gran oportunidade de mercado en Europa para a madeira de piñeiro, cun incremento importante da demanda actual e futura, especialmente por parte das grandes superficies comerciais, e dos sectores dos equipamentos e da construción, dentro dun contexto xeral de revalorización da madeira como un elemento construtivo sustentable e respectuoso co medioambiente. Sen embargo, os baixos prezos da madeira de piñeiro dos últimos anos provocaron que as plantacións de piñeiro en Galicia foran perdendo terreo fronte a outras especies.

Ante esta situación, FINSA e a Asociación Forestal conclúen que “resulta urxente e necesario formular un plan de restauración dos montes de coníferas no que puideran participar os propietarios forestais, empresas de servizos e industria da madeira interesada na recuperación destas masas arboradas”. Trátase, por tanto, dun acordo pioneiro e aberto a todo o sector, que pretende que as distintas partes traballen de forma coordinada, de xeito que a industria se comprometa a adquirir a madeira para a súa transformación en produtos de máis valor engadido e a acordar uns prezos atractivos para os silvicultores e selvicultoras, que á súa vez se comprometería a garantir un subministro mediante a aposta pola madeira de piñeiro de calidade.

Ligazóns relacionadas



Compartir:
PIÑEIRO madeira selvicultura