¿COMPRAS OU PASEAS?

A imparable transformación do punto de venda

11/10/2017 Aos comerciantes polo miudo convenlles manter tendas físicas para conservar aos consumidores tradicionais, pero, ao mesmo tempo, tamén lles interesan para ofrecer aos seus clientes "online" a posibilidade de comprobar o produto en vivo, tocalo ou probalo, o que se coñece como "showrooming". Tamén ao revés, para propiciar o "webrooming", que fai referencia á procura e comparación de produtos na internet para, posteriormente, adquirilos nunha tenda física. E é que o punto de venda reporta ao consumidor unha experiencia do usuario máis persoal e humanizada, á vez que fomenta as relacións multicanle entre cliente e marca orientadas á compra. Amazon, o xigante estadounidense da venda "online", abriu en novembro de 2015 a súa primeira tenda física na cidade de Seattle, e, como el, moitas marcas xa apostan por desvirtualizar a súa existencia e ter unha presenza física máis aló da web.

A presenza de tendas dos xigantes da distribución por internet, xunto coa tendencia recente de grandes marcas do comercio, como Decathlon, Ikea e similares, a abandoar os polígonos ás aforas das cidades nos que soen ubicarse para incrementar a súa presenza en zoas urbanas, pode cambiar radicalmente o urbanismo e os usos dominantes dos centros urbanos, todo o cal trae consigo oportunidades e ameazas para os negocios existentes, que compre analizar e prever con anterioridade.

Ligazóns relacionadas



Compartir: