Compostela Móvese

A II Feira de Outubro de Emprendedoras de Compostela profundará na innovación social no emprendemento

09/10/2020 Innovación social no emprendemento é a temática escollida para a segunda edición da Feira de Outono de Emprendedoras de Compostela, unha iniciativa que conta coa colaboración da USC e que promove a Oficina de Promoción Económica do Concello, dependente da Alcaldía. O seu obxectivo é achegar á cidadanía as diferentes iniciativas da economía social lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na contorna máis próxima. O encontro celebrarase os días 30 e 31 de outubro en formato semipresencial. A parte presencial desenvolverase na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago e todo o evento será retransmitido en liña e en directo a través da canle de Youtube de Woman Emprende. O evento foi presentado esta mañá polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a viceirreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.

As protagonistas desta feira serán as mulleres que crean empresas con fines sociais, e nas que a súa actividade empresarial non está só determinada pola necesidade de maximizar os beneficios económicos, senón tamén por buscar coa súa actividade lograr un impacto social. Estas empresas son as cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais e os centros especiais de emprego.

Tanto o alcalde como a vicerreitora fixeron fincapé no importante papel que lles agarda a estas empresas de economía social na saída da crise provocada pola pandemia. Mar Lorenzo reivindicou neste proceso "o emprendemento feminino" e puxo en valor a economía social e o liderado da muller. Sánchez Bugallo abundou nas palabras da vicerreitora e salientou que "a aposta polo emprendemento como forma de xestionar riqueza e de autoemprego vai ser fundamental na actual crise, e o protagonismo da muller, esencial".

Obradoiro Design Thinking
O evento contará cunha parte de formación semipresencial en Design Thinking que está dirixida a mulleres emprendedoras. A formación será en liña dende o luns, día 26, ata o xoves, 29 de outubro, mentres que o venres 30 de outubro será presencial no Espazo Gastro da Praza de Abastos.

O programa do encontro propiamente comezará o sábado, día 31, ás 9.30 horas, cunha mesa redonda na que está prevista a intervención de Carme Casado Casado, responsable de Desenvolvemento Económico, Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago; Alba Paz Boubeta, subdirectora Xeral de Economía Social da Consellaría de Economía, Emprego e Industria; Mercedes Vázquez Bartomeu (AESGAL); Ana Olveira Blanco (Unión de Cooperativas Espazocoop); María Dolores Calvo (AGACA); e Rosa Gutiérrez (Galega de Economía social CEGASAL).

De 10.30 e 13.30 horas desenvolverase unha feira expositiva presencial coas responsables das marcas da exposición. Tanto en liña como en directo poderase seguir as testemuñas destas emprendedoras. Tamén está prevista a participación de diferentes entidades que velan por crear un tecido empresarial responsable e transformador na contorna máis próxima, con especial atención a valores asociados ao feminismo, abordados dende a creatividade, o coñecemento, o impacto social e ambiental, como mostra de que a creación de empresas innovadoras e viables economicamente nos diversos sectores é totalmente compatible coa creación dun tecido empresarial responsable.

Casos de éxito consolidados
Empresas de éxito e consolidadas lideradas por mulleres é outros dos eixos dunha mesa de debate que a partir das 13.00 horas poderá seguirse en directo. Intervirán mulleres emprendedoras consolidadas empresarialmente e que se teñen convertido en referentes no seu sector. A finalidade é coñecer a súa experiencia empresarial e amosar o conxunto de actividades económicas que no ámbito privado levan a cabo entidades consolidadas que perseguen o interese colectivo das persoas que as integran así como o interese xeral económico ou social.

Covid-19
O programa tamén realizará unha análise da crise sanitaria, económica e social provocada pola pandemia da Covid-19, con especial atención ao impacto na Responsabilidade Social Empresarial (RSE) do noso tecido empresarial. O reitor Antonio López e o alcalde do concello compostelá Xosé Antonio Sánchez Bugallo, clausurarán o evento

Ligazóns relacionadas



Compartir:
emprendemento muller Universidade de Santiago Economía Social empresas