Balidea, Design Thinkers & Makers, Itelsis, Numax, Entrelampo e Feitoría Verde son as empresas distinguidas nos IV Premios de Excelencia Empresarial convocados polo Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica. Os galardóns foron entregados esta tarde no Pazo de Raxoi, nun acto presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e pola tenenta de alcaldesa, María Rozas. Tamén recibiron cadansúa mención Chichalovers, Brazolinda e 7H Cooperativa Cultural
Os IV Premios de Excelencia Empresarial recoñecen as empresas que se teñan distinguido polas súas boas prácticas en seis categorías: conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación e comercialización en produtos e servizos culturais , cumprimento dos retos da Axenda 2030, economía social, e boas prácticas en innovación e ciencia ou estratexias para reter o talento. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, salientou que “cando falamos desas boas prácticas, falamos de mellorar as vidas das familias, de respecto polo territorio, de identidade, de xustiza social, e dun concello que non se conforma só con avanzar, senón que quere avanzar ben”. Por iso, a rexedora agradeceu que “nun contexto complexo, diverso e esixente, empresas compostelás aposten pola excelencia, non como escaparate senón como forma de estar no mundo, e entendan que o seu éxito non se mide só no que producen senón tamén no que achegan”.
Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa incidiu tamén en que estes premios “poñen o foco no Santiago do que nos sentimos orgullosas, o das entidades de economía social que apostan por un modelo económico máis xusto, sostible e igualitario; o das persoas emprendedoras que alén dos beneficios económicos procuran deixar un impacto positivo no conxunto da sociedade, a cidade moderna e innovadora, e a Compostela do talento e a creatividade”. María Rozas salientou tamén que as empresas premiadas “demostran o potencial dunha cidade diversa, tamén no plano económico, pola que nos comprometemos a seguir traballando desde o Concello”.
Empresas premiadas
Nos IV Premios á Excelencia Empresarial concedéronse seis premios noutras tantas categorías, cunha dotación económica de 6.000 euros cada un; e tres mencións, cunha dotación económica de 2.000 euros.
Balidea Consulting & Programing conseguiu o premio na categoría de boas prácticas en materia de conciliación; Desing Thinkers & Makers levou a distinción na categoría de economía circular, na que tamén se entregou unha mención a Graciela Castro Bea, de Chichalovers; e Sistemas Audiovisuais ITELSIS foi distinguida na categoría de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de Negocio. Na categoría de boas prácticas na comercialización de servizos e produtos culturais, o premio foi para Numax S. Coop. Galega; mentres que Irimia Fernández, de Brazolinda, recibiu unha mención. Por último, na categoría de economía social, a distinción foi para Entrelampo, e 7H S.Coop. Galega recibiu unha mención; e Feitoría Verde fíxose coa distinción na categoría de boas prácticas nos retos da Axenda Urbana 2030.







