Preséntase a segunda edición de Compostela Somos Cultura, que ten como obxectivos apoiar o sector e incentivar o consumo de produtos culturais a nivel local
Hoxe presentouse a segunda edición da campaña #CompostelaSomosCultura, promovida pola oficina de Promoción Económica, no marco do Programa "Compostela Móvese 2021". Unha campaña que ten como obxectivos apoiar o tecido cultural compostelá, descubrir novos talentos; e incentivar o consumo de produtos culturais a nivel local. Na presentación estiveron presentes a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Inés Portela, coordinadora da comunicación e da producción audiovisual da campaña; Xacobe Martínez Antelo, coordinador artístico e de contidos; e Carme Casado, técnica responsable da oficina de Promoción Económica.
Nesta segunda edición están participando case 50 artistas, con accións puntuais en diversos espazos de Santiago. Desde o 10 de outubro véñense realizando distintas gravacións que agora se editarán para lanzar nas redes sociais. Son, segundo sinalou a concelleira de Acción Cultural, "como anuncios" promocionais de Compostela, Até o de agora graváronse cinco das sete intervencións culturais programadas, todas elas de diferentes disciplinas artísticas. Está previsto, segundo informou Xacobe Martínez, que se comecen a publicar en internet na última semana de outubro. Utilizaranse catro redes sociais: Youtube (Compostela Somos Cultura), Facebook (Compostela Somos Cultura), Twitter (@CompostelaSomos) e Instagram (@compostelasomoscultura).
Mercedes Rosón sinalou que con esta iniciativa "pretendemos xerar consciencia da cultura como ben esencial, transmitir o atractivo dos valores da cultura local compostelá e incentivar o consumo dos seus produtos e servizos". Para acadar estes obxectivos, ademais de difundir e promocionar artistas locais, vanse realizar nove sorteos de produtos e servizos culturais, entre as persoas que participen, a través das redes sociais, no programa Compostela Somos Cultura. Segundo explicou Inés Portela, haberá dous sorteos de material cultural (libros, música, películas, etc.) valorados en 250 euros, e outros cinco de 120 euros vinculados aos microeventos.
Pola súa banda, Carme Casado destacou a variedade de oferta e presenza da industria cultural na cidade; e a "vinculación do sector con outros tan importantes como o pequeno comercio, a hostalería, o turismo, a educación e os servizos avanzados a empresas fan da promoción da industria cultural un obxectivo irrenunciable nos programas municipais de apoio á actividade económica. Lembrou ademais, que "calquera empresa cultural de Compostela e a súa contorna pode contactar coa concellaría de Promoción Económica, a través da web www.cersiaempresa.gal; para formar parte do catálogo de empresas culturais da oficina de Promoción Económica. Carme Casado rematou a súa intervención animando a cidadanía a consumir "cultural local de Coompostela", para "consolidar un sector económico, o das industrias culturais e creativas, clave para un desenvolvemento ecnómico equilibrado, con identidade propia e raíces no territorio", pero tamén innovador.
Microeventos
A gravación dos microeventos, que comezou o 10 de outubro, prolongarase ata o domingo 24. Esta é a programación, cos artistas que participan en cada un deles:
-Domingo 10 de outubro. "Danza en Santa Marta", con Óscar Cobos e Antía Barcia, acompañados do Dúo Búho.
-Martes 12 de outubro. "Debuxo urbano en Vite", co María Meijide, Mariano Casas e Olmo Blanco.
-Mércores 13 de outubro. "Teatro Cabaret na Almáciga". El retrete de Dorian Gray repasa os mellores momentos con Retrete Cabarete, o seu espectáculo de manipulación de obxectos.
-Sábado 16 de outubro. "Un coro na Intermodal". O Coro da Rá fixo unha aparición espontánea.
-Luns 18 de outubro. "Poesía en San Pedro". Representantes da nova Poesía Galega realizaron unha intervención poética nas rúas e comercios do barrio de San Pedro.
-Sábado 23 de outubro. "Compostela no cine". Alfonso Zarauza desvela as localizacións do seu filme "Encallados", convida ás persoas interesadas a un pase comentado na Sala Númax.
-Domingo 24 de outubro. "Circo no Ensanche". Tres dos clowns máis senlleiros da compañía Pistacatro sorprenderán á veciñanza nun domingo de outono.
Resultados da primeira edición
Na anterior edición de Somos Cultura, desenvolvida entre o 13 de decembro de 2020 e o 21 de febreiro de 2021, realizáronse 21 vídeos, 15 deles subíronse na conta de Youtube e 6 "minimundos", colgáronse en Instagram TV. Tiveron un total de 6.435 reproducións.
Polo que respecta as redes sociais, estes son os datos máis relevantes obtidos na campaña:
-Total publicacións: 379 nas 3 redes (53 post en Facebook / 49 post e 67 historias en Instagram e 210 chíos en Twitter).
-Nº de seguidores/as: un total de 1.788 seguidores/as nas 3 redes sociais (873 Facebook / 758 Instagram e 157 Twitter).
-Persoas alcanzadas: 190.014 persoas, a súa maioría de Santiago de Compostela e os concellos da súa contorna.
-Grado de interacción ("Engagement"): unha media do 82’5% (87’18% Facebook / 138’12% Instagram e 22’18% Twitter). Os datos revelan que, en relación o número de seguidores, a interacción e resposta foi moi alta.
Ademais dos contidos en si (vídeos en varios formatos, fotos dos espazos e dos/as artistas, etc.) resultaron moi exitosos os 9 sorteos de 9 paquetes culturais ao longo de toda a campaña, distintos en cada sorteo, e sempre de produtos do comercio cultural local compostelá. Nos sorteos participaron case 600 persoas.
As publicacións máis compartidas durante a campaña foron a do Directorio da Industria Cultura do CERSIA e a de "Apoiemos ás nosas librarías", realizada en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia.
A edición pasada pechou cunha enquisa que responderon 135 persoas. Un 83,7% sinalou que esta campaña animounos a consumir cultural local. A un 40% das persoas enquisadas o que máis lle gustou foron os sorteos, e a un 32,6% os vídeos. A campaña en si tamén obtén unha puntuación moi alta. Nunha valoración de 1 a 5, un 56,3% valorou a campaña cun 5, como moi boa; e un 31,1% cun 4.