Primeira tenenta de alcaldesa
Dende o goberno municipal de Santiago de Compostela queremos que a veciñanza e o tecido económico e social sexan as protagonistas e, ademais doutras iniciativas de participación, para a dinamización económica da cidade,como a Axenda Urbana 2030 de Santiago, unha das portas dun Concello aberto e participativo.
Desde o CERSIA Empresa terás oportunidade de coñecer as distintas iniciativas de dinamízación económicas a través das que a Corporación municipal busca mellorar a calidade de vida da veciñanza e situar as persoas no centro das políticas municipais, coa sustentabilidade, a accesibilidade, a cohesión do territorio, o impulso do feminismo e da igualdade, a proxección cultural e as medidas contra o cambio climático como eixos fundamentais.
Ficamos ao teu dispor. Esta páxina, como todo o Concello, é para que teñas a administración municipal -a máis apegada á veciñanza- aínda máis próxima. Comunícate connosco. Estamos á espera das túas suxestións, as túas demandas e os teus consellos. A nosa obriga e o noso desexo é poder atendelos como a veciñanza de Compostela merece para que, man a man, construamos un concello mellor. Tamén para iso, contamos contigo.
Dentro da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude a área de Promoción Económica encárgase de dinamizar o tecido empresarial de Santiago afianzando a creación e consolidación de empresas coa finalidade de por a disposición persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalas no proceso de creación e consolidación da súa iniciativa empresarial.
O apoio ao emprendemento é porén unha das liñas de acción desta área, fomentando a formación e creando as condicións axeitadas para o nacemento de proxectos colectivos, cooperativos e competitivos a través do Servizo de Apoio á empresa. Os servizos do CERSIA Empresa e mesmo as súas instalacións están ao servizo das entidades que forman ou pretenden formar parte do tecido económico e empresarial do concello de Santiago.
Colaboramos coa Rede EUSUMO de apoio á economía social galega, acollendo a oficina de atención á proxectos de economía social no propio edificio, nunha aposta decidida pola economía social como modelo referente para a creación dun tecido empresarial dende a colaboración entre persoas emprendedoras, máis resiliente aos ciclos económicos e que incorpora as cuestións de responsabilidade social, económica e medioambiental nos procesos de creación empresarial que nos levou a ser a Capital Española da Economía Social no ano 2022.
O CERSIA empresa tamén é sede de Uninova (Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, M.P., S.L.), impulsada polo Concello de Santiago de Compostela e a USC, ofrece asesoramento, aceleración e soporte á creación de iniciativas empresariais innovadoras. A súa finalidade é a de fomentar, facilitar, promocionar e impulsar toda clase de actuacións xeradoras de ocupación e de actividade económica na área de Compostela, como o Biopolo Sionlla Biotech, para contribuír á consolidación no Concello de Santiago de Compostela dun tecido económico xerador de emprego, riqueza e innovación.
No CERSIA empresa podes atopar tamén a Axencia Local de Colocación, que xoga un papel fundamental para o ámbito empresarial, realizando a intermediación coas persoas desempregadas, pero tamén no eido da formación, coa súa ampla programación de cursos de formación ocupacional, escolas-obradoiro, obradoiros de emprego, medindo de forma continua a súa eficacia, e orientándoos aos sectores e actividades estratéxicos.
Invitámoste a coñecer tamén a actividade municipal en materia de comercio, con un departamento que impulsa actuacións para mellorar a oferta comercial de Santiago e promociona o comercio como elemento vertebrador da cidade a través de políticas activas de apoio e impulso ao sector. Promóvese e apóiase o comercio de barrio, fomentando o asentamento de empresas de servizos, a creación de cooperativas e da difusión de produtos turísticos na zona rural. Impúlsase a actividade comercial, suxerindo iniciativas comerciais innovadoras e alternativas para o comercio tradicional, a través de proxectos colectivos e coordinando as campañas de dinamización comercial coas campañas turísticas, culturais e de festividades da cidade.