A comisión organizadora de "Compostela, capital da Economía Social" celebra a súa primeira reunión en Santiago

Data de escritura

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xeral de Economía Social do Ministerio de Traballo, Maravillas Espín; a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; o presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara; a directora do CECOP (Centro de Estudos Cooperativos e de Economía Social da USC), María Teresa Cancelo; e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; participaron neste primeiro encontro no Pazo de Raxoi no que se perfilou o programa de actividades da capitalidade.

Un momento da xuntanza
Outro momento da reunión

ando aínda non pasaron quince días desde o anuncio por parte da ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, da elección de Santiago de Compostela como capital española da economía social, a comisión organizadora, integrada por Goberno español, Xunta de Galicia, Concello de Santiago e Foro, mantivo a súa primeira reunión de traballo esta tarde no Pazo de Raxoi. A présa débese ao interese de todas as partes en dotar de contido efectivo á capitalidade, de tal maneira que dea froitos para o presente e o futuro, sen quedar nunha mera celebración.

"Queremos empezar o antes posible os traballos para a posta en marcha das actividades que se van desenvolver con relación a esta capitalidade", indicou Sánchez Bugallo, que aproveitou novamente para agradecer a elección de Compostela. "En Galicia as empresas de economía social xogan un papel relevante, con máis de 25.000 empregos efectivos e é en Santiago onde teñen un maior desenvolvemento e onde está a sede da maioría. Cremos que é axeitado e oportuno e estamos moi contentos pola designación" como capital española da economía social, recalcou.

Pola súa banda, a directora xeral de Economía Social, Maravillas Espín, asegurou que "A Economía Social merece unha maior visibilidade non só polo seu bo desempeño senón tamén polos beneficios que achega a Galicia". Celso Gándara, presidente do Foro pola Economía Social Galega, insistiu na importancia da "capitalidade" galega porque, sinalou, "estamos seguros de que contribuirá a que se recoñeza a economía social como antídoto contra a desigualdade social e a fragmentación territorial". Gándara destacou na reunión o momento de "ebulición" deste sector en Galicia, con exemplos de "éxito empresarial que traspasaron as nosas fronteiras".

Axenda conxunta
O encontro centrouse en comezar a definir as actividades concretas que formarán parte da capitalidade, definiuse unha primeira axenda conxunta e concretáronse detalles de colaboración financeira sobre este evento.

O intercambio de ideas serviu para reforzar as complicidades dentro do ecosistema da economía social tanto galega como española, co fin de xerar oportunidades de desenvolvemento a nivel nacional, coa capital galega como epicentro, seguindo os exitosos exemplos precedentes das cidades de Teruel e Toledo nesta materia.

Ao longo dos próximos meses, desde Santiago vaise analizar tamén o presente dun sector económico enraizado na sociedade co fin de potencialo ao máximo nos vindeiros anos e que esta capitalidade sirva como claro referente para outras cidades e territorios.

A Economía Social en Galicia agrupa a máis de 7.300 entidades e empresas, cun volume de emprego estimado de case 25.000 persoas traballadoras e máis de 74.120 persoas socias, comuneiras ou mutualistas (segundo o tipo de entidade). Toda a súa actividade xera ao redor do 7% do PIB galego.

O Foro pola Economía Social Galega naceu en Santiago de Compostela en 2018 impulsado polas organizacións máis representativas das diferentes familias da economía social galega: a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (CEGASAL) e Espazocoop, Unión de Cooperativas Galegas.