O Concello e a Unión de Consumidores de Galicia fallan os premios do concurso de Tik Tok "Conecta coa economía circular"

Data de escritura

O certame estaba dirixido á rapazada, de entre 13 e 17 anos, que reside ou estuda no municipio compostelán.

Cartaz do concurso

Na semana na que se celebrou o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o 15 de marzo, a Unión de Consumidores de Galicia e o Concello de Santiago dan a coñecer os nomes das gañadoras do concurso de Tik Tok "Conecta coa Economía Circular".

A finais do ano pasado, o Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia puxeron en marcha diversas actividades para fomentar entre as persoas consumidoras do Concello de Santiago un coñecemento máis profundo da economía circular. O concurso Conecta coa Economía Circular a través da aplicación Tik Tok era unha desas accións, unha proposta de concienciación e sensibilización destinada a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 17 anos que residisen ou estudasen no concello compostelán.

Para participar tiñan que realizar un vídeo a través da aplicación Tik Tok centrado nas 4R, reducir, reutilizar, reciclar e reparar. Os vídeos debían ter unha duración máxima dun minuto e utilizar o hashtag #EuCompost_ela.

O xurado, conformado por representantes do Concello de Santiago de Compostela, da UCGAL e polo coñecido crítico cinematográfico e musical Moncho Lemos, outorgou o primeiro premio deste concurso a Lucía García Amado, que se centrou en como abordar a problemática da contaminación ambiental a través das 4R; o segundo a Amira Rosón Prieto que apostou por mostrar como darlle unha segunda vida á roupa; e o terceiro a Rebeca Rey Vázquez, que abordou o impacto que está a ter o gran volume de lixo que xeramos e como podemos facerlle fronte. O xurado destacou a calidade e a creatividade dos traballos presentados.

O primeiro premio do concurso consiste nun vale por 200 euros para usar no comercio local compostelán. Tanto a segundo como a terceira premiada recibirán un vale por 100 euros a gastar en establecementos de Santiago de Compostela.

Baixo o paraugas do proxecto #EuCompost_ela, o Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia continuarán a desenvolver actividades ao longo dos vindeiros meses. Dirixidas para público adulto, mozo e infantil, estas accións buscan afondar na difusión da economía circular entre os composteláns, promovendo o coidado do medio ambiente e o consumo de forma responsable.