O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia avanzan na ampliación do polígono da Sionlla

Data de escritura

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse esta mañá coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para avanzar en temas como a ampliación do polígono da Sionlla ou a ampliación das áreas de rehabilitación integral.

Un momento da reunión entre Ángeles Vázquez, Conselleira de Medio Ambiente e o Alcalde

O alcalde de Santiago acudiu ao encontro cunha proposta para ampliar o polígono industrial da Sionlla a través do Solo Urbanizable Non Delimitado (SUND) 29, que conta cunha superficie de 40,75 hectáreas. Proximamente reuniranse os técnicos municipais e os do Instituto Galego de Vivenda e Solo para poñer en marcha o proxecto.

Durante o encontro tamén se tratou a "ampliación das áreas de rehabilitación das que dispoñemos actualmente cun novo ámbito de rehabilitación que sería discontinuo e que estaría formado polas áreas de ordenanza 9A e polos PERIS. Referímonos a espazos como Cornes, Monte de Conxo, zonas de San Lázaro... que son núcleos tradicionais que quedaron englobados polo crecemento urbano". Ademais, engadiu o rexedor, esta nova área incluiría outros espazos "que se derivan de edificacións construídas nos anos 50, 60 e 70, moi necesitados de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética".

Con respecto á parcela de Xoán XXIII, o alcalde de Santiago planteoulle á conselleira "a posibilidade de permutala por una de titularidade municipal destinada a vivenda protexida. Quedamos en verificar a viabilidade da operación", engadiu.