• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago acolle as xornadas de Innovación en Bosques Urbanos

Data de escritura

Xa está aberto o prazo de inscrición para as primeiras xornadas sobre Innovación en Bosques Urbanos que terán lugar en Santiago os vindeiros 19 e 20 de maio. O Concello de Santiago pretende con este evento continuar a senda iniciada pola campaña do Carballo do Bosque do Banquete de Conxo, nomeado Árbore do Ano en España 2022, en prol do patrimonio natural da cidade.

Xornadas sobre Innovación en Bosques Urbanos

A nosa cidade está á vangarda no deseño das cidades e dos bosques urbanos do futuro, e con ese propósito o Concello de Santiago, a través do CEXTEC (Centro de Excelencia Tecnolóxica, Emprego e Coñecemento de Santiago de Compostela), organiza estas xornadas sobre a Innovación en Bosques Urbanos, que pretenden ser unha reflexión sobre a planificación das cidades, con especial énfase nos bosques urbanos como elementos vertebradores e de saúde da infraestrutura verde urbana e periurbana.

O evento contará con conferenciantes de gran prestixio no eido ambiental, pertencentes a organizacións tan relevantes como Bosques sen Fronteiras, a Fundación Biodiversidade, a Universidade Autónoma de Madrid ou a propia Universidade de Santiago de Compostela, así como do ámbito empresarial, con representantes de URBASER, QUANTICAE, HIFAS FORESTA ou ATALAYA TERRITORIO.

As xornadas celebraranse no Salón de Actos da Facultade Medicina da USC durante o xoves 19 e o venres 20 de maio. A asistencia é gratuíta, simplemente é preciso reservar praza na web das xornadas. Este evento está dirixido principalmente a técnicos/as de medio ambiente, técnicos/as de parques e xardíns, urbanistas, arboristas, arquitectos/as, profesionais relacionados coa Infraestrutura Verde e estudantes do ámbito ambiental e urbanístico.

Esta iniciativa afonda na liña na que se leva traballando dende o Concello de Santiago con múltiples actuacións de calado destinadas á valorización do noso patrimonio natural.

Patrimonio verde
Santiago conta cunha superficie de espazos verdes que supera amplamente os estándares marcados pola OMS. Reivindicar e manter o noso patrimonio natural é un obxectivo que mellorará a vida da nosa cidadanía, potenciará o atractivo turístico da cidade e favorecerá o crecemento dunha nova xeración en harmonía cos valores ambientais.

O 55% da poboación mundial vive en cidades e prevese que esta proporción siga aumentando nos próximos anos. Ante o crecemento urbano continuo e a presión ambiental, polo cambio climático e a contaminación, a cidade necesita solucións sustentables, intelixentes e ecolóxicas que melloren a saúde da cidadanía e a eficacia ambiental e enerxética. Os bosques urbanos xogan un importante papel na mitigación dalgúns destes impactos, é por iso que se deben ter moi en conta na planificación das nosas cidades.

Coa recente aprobación da Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e a posta a disposición dos Fondos Next Generation para o seu emprego polos estados membros, existe unha grande oportunidade no sector ambiental urbano que debe ser aproveitada.