Aprobado inicialmente o plan especial que permitirá implantar a plataforma loxística de mercadorías na parcela de equipamento institucional IA-8 de Mallou

Data de escritura

A Xunta de Goberno Local acordou aprobar inicialmente o "Plan especial de infraestruturas e dotacións" na parcela de equipamento IA-8 para a implantación da plataforma loxística de Mallou, formulado de oficio polo Concello de Santiago. Segundo informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa, a localización, xunto á rotonda de Meixonfrío, entre a Av. de Asturias e a Av. da Coruña, é a máis idónea, para "o funcionamento operativo do servizo", que permite establecer un novo modelo de reparto de mercadorías, de cero emisións, e respectuoso co patrimonio histórico.

Aprobado plan da Plataforma loxística de mercadorías

A responsable da sección de Planeamento do Concello, a arquitecta Esther Sánchez Espiñeira, explicou que o vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) delimita, na zona de Mallou-Meixonfrío, o ámbito do "Sistema xeral de equipamento institucional (é dicir, de utilidade pública xeral para a cidade) administrativo IA-8, localizado na confluencia da avenida do Cruceiro da Coruña coa Avenida de Asturias. Estes terreos ocupan unha superficie total de 11.550 metros cadrados, e inclúense, coa clasificación de "Solo urbanizable delimitado" no ámbito do SUD-1 (Mallou).

O plan especial aprobado en Xunta de Goberno, define a Área de Movemento da Edificación (AME) e as súas condicións de implantación, a ordenación dos espazos libres (ELP) e os itinerarios de acceso peonil e rodado. Define tamén a área de amortecemento, e as actuacións a realizar sobre terreos exteriores co obxecto de garantir a correcta integración do equipamento no sistema viario circundante.
En concreto, segundo explicou Esther Sánchez, establécense catro zonas de ordenación que organizan funcionalmente a parcela:

- Área de Movemento da Edificación (AME), no centro da parcela. Será unha zona de carga e descarga, cunha nave central.

- Espazos Libres da Parcela (ELP), arredor da área da AME, destinados á circulación, manobra e estacionamento de vehículos.

- Itinerario Peonil/Reserva Viaria (IP-RV), que ten por obxecto permitir no futuro o enlace desde a Avenida do Cruceiro da Coruña co viario do sector SUD-1.

-Itinerario Peonil/Área de Amortecemento (IP-AA). Establécese unha franxa arborada de protección ou amortecemento, situada no borde oeste do ámbito, en contacto coas parcelas das edificacións que dan fronte á rúa de Mallou e á Avenida do Cruceiro da Coruña co viario do sector SUD-1.

Segundo explico o alcalde, Sánchez Bugallo, a parcela na que se prevé ubicar a plataforma loxística de mercadorías ten un desnivel de case 12 metros, presentando unha pendente descendente na dirección de oeste a leste. O punto máis alto dos terreos está situado no vértice situado no extremo oeste, en contacto coa avenida do Cruceiro da Coruña, en torno á cota 330 metros. O punto máis baixo está no vértice situado máis ao leste, en torno á cota 319 metros. Esta orografía do terreo facilita a rotación dos vehículos de reparto. Os camións máis pesados, coas mercadorías entrarían a través da Av. de Asturias, para descargar, pola entrada de atrás da futura nave, e saírían tamén por este vial. Mentras, os vehículos lixeiros, de ata 3.500 quilos de PMA, e cero emisións, sairían cara o centro da cidade utilizando a zona da rotonda de Meixonfrío, pola parte dianteira da nave. Esta rotación permitiría, segundo explicou o alcalde, non conxestionar esta rotonda. Segundo sinalou Sánchez Bugallo, calquera outra opción, "é peor para a conectividade".

Na Xunta de Goberno tamén se acordou someter este plan a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación persoal aos propietarios das parcelas afectadas, segundo figuren no catastro.

O plan aprobado inclúe tamén un estudo económico, no que se avalía o custo de execución das actuacións previstas. Segundo confirmou o alcalde, con data do pasado 23 de maio, o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana publicou a "Orde ministerial pola que se conceden as axudas da primeira convocatoria do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital sostible do transporte urbano no marco do Plan de Recuperacion, Transformación e Resiliencia", que inclúe a concesión definitiva das axudas dos fondos Next Generation UE destinadas á plataforma loxística, que ascenden a 3.913.920 euros dos 4.348.800 euros de custe estimado do proxecto.

Despois de ser sometido a información pública, este "Plan especial de infraestruturas e dotacións" terá que ir a pleno para a súa aprobación definitiva. Será, case con toda probabilidade, sinalou o rexedor, no mes de outubro, xa que o 30 de novembro "teñen que estar adxudicadas as obras". Sánchez Bugallo pediulle aos grupos da oposición un exercicio de "sinceridade, colaboración e responsabilidade" para non perder os fondos europeos, porque, engadiu, "estamos ante unha oportunidade histórica para o barrio de Meixonfrío e para a cidade".

Esta plataforma loxística enmárcase na estratexia deseñada polo Concello de Santiago, articulada en distintas fases, para establecer un novo modelo de distribución de mercadorías, nun primeiro momento aplicable ao ámbito da zona vella, pero susceptible de ser estendido posteriormente a outras zonas da cidade. Ademais do alcalde e de Esther Sánchez, na rolda de prensa tamen estaban presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; e a xefa da área de Urbanismo do Concello de Santiago, Ana Prieto.