• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Spin UP permite crear 29 empresas relacionadas coa saúde, a alimentación, o turismo, a educación e a Industria 4.0

Data de escritura

O polo Sionlla BioTech, que captará empresas biotecnolóxicas, posibilitará seguir adiante cos logros do proxecto europeo Spin Up, liderado por Uninova, e que celebrou onte a súa xornada de peche. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reiterou a necesidade de "traballar entre todos para que os mozos aposten pola posta en marcha iniciativas emprendedoras vinculadas á biotecnoloxía".

Proxecto europeo SPIN UP
Proxecto europeo SPIN UP
Proxecto europeo SPIN UP
Proxecto europeo SPIN UP

No marco da xornada de peche de Spin UP que se celebrou na Área Empresarial do Tambre, o alcalde de Santiago destacou que "o proxecto Sionlla BioTech é a aposta estratéxica para a nosa cidade e tamén para Galicia", e recordou que "a nosa capacidade investigadora ten recoñecemento a nivel internacional, o obxectivo agora é convertela en industria, polo que temos que dar o salto á creación de empresas; ten que ser o elemento para a dinamización da economía". Esta xornada pon o punto final a Spin UP, o proxecto europeo liderado por Uninova e cuxo obxectivo se centrou na creación de empresas a partir da transferencia de tecnoloxía e coñecemento.

Neste sentido, Xosé Sánchez Bugallo, subliñou que "o emprendemento debe ser a folla de ruta que ofrezamos aos nosos mozos, temos que traballar entre todos para que os licenciados e o alumnado de formación profesional aposten por poñer en marcha iniciativas emprendedoras e, na medida do posible, vinculadas á biotecnoloxía".

Na xornada de peche de Spin UP, o secretario xeral da Área Empresarial do Tambre, Ramón Lois, puxo en valor o complexo Sionlla Biotech, que será unha realidade en xaneiro de 2023: "o polo biotécnoloxico de Galicia vai ser o espazo no que as empresas que xa son unha realidade consoliden a súa proxección, atoparán os servizos necesarios para crear unha mancomunidade e, dende ahí, facer empresa para o resto do mundo". Ramón Lois engadiu que "Spin UP é a ferramenta que permitiu darlle sentido ao proxecto Sionlla Biotech, un espazo que se convertirá no catalizador do talento do sistema universitario; a idea é que os emprendedores facturen dende o minuto un e teñan apoio para xestionar os seus proxectos".

Dar resposta aos retos sociais a través da colaboración
A conselleira delegada de Uninova, Carme Casado, destacou que "Spin UP forma parte do noso compromiso de apostar pola diversificación do tecido productivo e de dar resposta aos retos sociais, como por exemplo, o turismo sostible ou a atención ao envellecemento da poboación, entre outros".

Pola súa parte, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Albores, fixo fincapé en que "este programa permitiu a posta en marcha de diferentes ideas empresariais e tamén iniciamos contacto con organización coas que esperamos manter colaboracións futuras".

A xornada tamén contou coa asistencia da secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago. Rosa Mary Cardeso dixo que "Spin UP ten que servir de exemplo para mellorar a competitividade da nosa economía; temos que ser quen de seguir desenvolvemendo proxectos como este, porque son estratéxicos e contribúen a captar investimentos nacionais e estranxeiros".

O director xeral de XesGalicia, Rubén Aguión, referiouse ao proxecto Sionlla Biotech. Nesta liña, afirmou que "o polo vai ser a punta de lanza para potenciar o sector biotecnolóxico de Galicia, queremos que sexa o eixo vertebrador da economía local e rexional". Apuntou tamén que "dende XesGalicia imos destinar máis de 10 millóns de euros nos próximos anos para seguir apoiando o emprendemento".

Na xornada de peche de Spin UP tamén participaron Nuno Ferreira, coordinador e membro do Consello de xestión de ANJE; e Joana Resende, da Universidade do Porto.

Spin UP e máis dunha vintena de empresas
Un total de 29 empresas apoiadas; ese é o balance que deixa o proxecto Spin UP, 22 delas están xa constituidas e outras 7 están en proceso de facelo. Son ideas empresariais que están relacionadas coa alimentación, coa industria creativa, co sector TIC, co turismo e a saúde.

O proxecto europeo liderado por Uninova permitiu tamén a creación dunha base de datos con patentes e resultados de investigación, que están publicados na web spinup-project.eu.

Por outra parte, Spin UP posibilitou a posta en marca dunha rede de empresas e mentores entre Galicia e o Norte de Portugal. A continuidade deste proxecto europeo vai ser posible coa posta en marcha do complexo de Sionlla Biotech, que captará empresas biotecnolóxicas.