• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago acolle un encontro para a abordar a consecución dos retos das Axendas Urbanas e 2030 a través da economía social

Data de escritura

O acontecemento desenvolverase os días 19 e 20 de outubro na Sede Fundación Laboral de la Construcción en Galicia. As persoas interesadas en participar na actividade xa poden inscribirse a través da web santiagocapitaleconomiasocial.es

Foto dos asistentes á última Asemblea Xeral de REDEL en Roa - Burgos

Santiago acollerá os días 19 e 20 de outubro o Encontro REDEL, unha actividade organizada polo Concello de Santiago de Compostela co respaldo da Red de Entidades para el Desarrollo Local (Redel), a Red de Ciudades Ciencia e Innovación (Innpulso), a Red de Territorios Socialmente Responsables (Retos) e Cidades por el Empleo; que se celebrará na Sede Fundación Laboral de la Construcción en Galicia. Este encontro desenvolverase baixo o título ‘As oportunidades da Economía Social para as cidade no logro dos retos das Axendas Urbanas e a Axenda 2030’.

O evento articulase en dúas xornadas nas que se distribuirán varios grupos de traballo que abordarán cuestións como a transición cara unha economía circular, o envellecemento poboacional, a xestión e captación de talento, a inclusión no emprego e a cultura como elemento vertebrador dun territorio, todo isto marcado polo fío condutor da capacidade das iniciativas de economía social para aportar solucións e ofrecer servizos en diferentes ámbitos.

A iniciativa, dirixida a persoas e entidades que traballen no eido do desenvolvemento local, da planificación urbana e da economía social, pretende ser un foro de intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas que acheguen solucións aos retos actuais a través dos principios e valores das empresas e iniciativas de economía social. Esta fórmula empresarial destaca por ser un modelo solidario, que antepón os beneficios sociais á rendibilidade financieira. Ademais, xera un emprego máis estable e de maior calidade, tamén máis inclusivo e igualitario. A Economía Social favorece a redistribución dos recursos e da riqueza, actúa contra as desigualdade e fortalece a democracia institucional. Está demostrado que supera mellor as situacións economicamente desfavorables, e que se vincula ao territorio comprometéndose coas súas particularidades e coa comunidade onde se asenta.

Os interesados en acudir xa poden inscribirse cubrindo os seguintes formularios:

• Eido do desenvolvemento local e da planificación urbana

• Eido da Economía Social

O programa

O encontro iniciarase cun relatorio sobre ‘Economía Social, Axenda 2030 e Axenda Urbana’, que impartirá a presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, Ana Olveira. Haberá, ademais, un café de benvida para as persoas participantes e visitaranse catro cooperativas da cidade co ‘Roteiro Cooperativo’, unha proposta de fomento e visibilización das entidades de economía social da cidade realizada no marco do convenio de colaboración da Unión de Cooperativas Espazocoop co Concello de Santiago de Compostela. A xornada do día 19 rematará cunha cea no Hotel AC Palacio del Carmen.

Durante o xoves continuarase a traballar en grupos ata a posta en común das conclusións. A media mañá terá lugar o acto de presentación do informe ‘A Economía Social en España en cifras’ que correrá a cargo do seu coordinador, Rafael Chaves Ávila, representante de CIRIEC-España. O Informe ofrece os datos dispoñibles máis actualizados sobre a economía social en España e as súas comunidades autónomas, e por cada unha das súas familias.
O novo Portal Estatístico da Economía Social en España, co que CIRIEC-España quere achegar información actualizada sobre as diferentes familias que conforman a economía social no noso país, será presentado polo seu presidente, José Luis Monzón, e o director do portal, Ángel Soler. O lanzamento do CIRIECSTAT responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, que establece como un dos seus obxectivos crave aumentar a visibilidade da mesma mediante a recompilación de datos e estatísticas axeitados.

A presentación contará coa presencia de representantes da Universidade de Santiago de Compostela, o Ministerio de Traballo e Economía Social, o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, Ciriec-España, Foroesgal e o CECOOP.