• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O alcalde reafirma a aposta do Concello de Santiago coa economía social e os centros especiais de emprego

Data de escritura

Na apertura do 18 Congreso Nacional de Centros Especiais de Emprego, Xosé Sánchez Bugallo destacou a aposta que se está a facer desde Raxoi no impulso dos centros especiais de emprego, cun concurso que será resolto de forma inminente para adxudicar a unha destas empresas a limpeza e desbroces da cidade. Todo, no ano en que Compostela ostenta a capitalidade española da economía social.

Alcalde intervención apertura Congreso Nacional de CEE
Imaxe apertura Congreso Nacional CEE
Outra imaxe apertura Congreso Nacional CEE

Nun acto de recoñecemento á labor de visibilización e inserción social que están a facer os centros especiais de emprego, o alcalde puxo en valor o traballo que se está a facer desde Raxoi en favor da inclusión reservando diferentes actuacións a este tipo de empresas pois, ademais de "dar visibilidade á capacidade das persoas que teñen algún tipo de discapacidade", son empresas que deron boa conta da súa fortaleza durante a crisis de 2008 e a raíz da pandemia cunha maior "capacidade de supervivencia á doutro tipo de empresas".

Foi na apertura do 18 Congreso Nacional de Centros Especiais de Emprego que se celebra baixo o lema ‘Os Centros Especiais de Emprego e a Economía Social’, onde Sánchez Bugallo recoñeceu a labor dos centros, ao tempo que reafirmaba o compromiso do Concello con eles, e esixía o mesmo de todas as administracións públicas porque "a calidade dun Estado democrático e de benestar mídese polo trato que reciben as minorías".

Organizado pola Confederación Nacional de Centros Especiais de Emprego (CONACEE) e a Asociación para a Promoción de Actividades de Integración Sociolaboral en Centros Especiais de Emprego (ASPAIS), o congreso celebrarase entre o 20 e 21 no Hostal dos Reis Católicos. Un congreso que se suma ás múltiples actividades que está a acoller a cidade de Santiago no marco do ano no que ostenta a capitalidade de economía social.