Santiago acolle o Consello Estatal para o Fomento da Economía Social "clave" para garantir un futuro de oportunidades

Data de escritura

O gran reto é que as novas xeracións teñan un futuro no noso país sen necesidade de emigrar, e neste sentido, a economía social ofrece oportunidades extraordinarias, xustas, sólidas, solidarias e con futuro" son as palabras coas que Xosé Sánchez Bugallo, o alcalde de Santiago abriu o Consello Estatal para o Fomento da Economía Social. No acto, presidido polo secretario de Estado de Emprego e Economía Social, Joaquín Pérez Rei, o alcalde insistiu en que o reto actual das administración é garantir un "futuro de oportunidades" ás novas xeracións e, ese futuro, pasa pola economía social.

O Alcalde na reunión do Consello Estatal para o Fomento da Economía Social
Foto de grupo
Yolanda Díaz interviu por videoconferencia
Outro momento da reunión

Na reunión, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, que interveu por videoconferencia, anunciou que a cidade vasca de Donostia exercerá a capitalidade española da Economía Social en 2023, tomando o relevo de Santiago de Compostela.

O secretario de Estado, Joaquín Pérez Rei, que presidiu este órgano consultivo e subliñou que "o amplo e frutífero desenvolvemento da Economía Social en Euskadi e os esforzos para que siga expandíndose este modelo económico que se distingue por ser máis sustentable, xusto e igualitario, converten a Donostia en digna anfitrioa da capitalidade española da Economía Social". Con esta concesión a Donostia recoñécese ademais a unha rexión que foi tenaz no fomento da Economía Social e que conta con empresas que son referente a nivel internacional.

LEI INTEGRAL DE ECONOMÍA SOCIAL E SOLIDARIA

O Ministerio de Traballo reactivou o pasado mes de febreiro, tras once anos, o Consello para o Fomento da Economía Social, integrado tamén polos principais responsables da Economía Social das comunidades Autónomas e representantes das entidades do sector.

Neste órgano consultivo abordouse, ademais, a futura Lei Integral da Economía Social, unha normativa que actualmente se atopa en fase de consulta pública e que engloba a modernización e actualización da Lei 27/1999 de Cooperativas, a Lei 44/2007 para a Regulación do Réxime das Empresas de Inserción, así como a pioneira Lei 5/2011 de Economía Social.

O obxectivo, sinalou Pérez Rei, é respaldar a todo o ecosistema de entidades que conforman a extensa rede da economía social dificultando o intrusismo, adaptando a lexislación ao dinamismo das entidades da Economía Social que van xurdindo e outorgando máis seguridade xurídica a estas empresas que integran a economía social como as cooperativas, as sociedades laborais, as empresas de inserción, centros especiais de emprego, mutualidades, fundacións ou confrarías de pescadores, entre outras. En total suman máis de 43.000 empresas e engloban uns dous millóns de empregos directos e indirectos.

O secretario de Estado, que acudiu a Santiago acompañado pola directora xeral do Traballo Autónomo, a Economía Social e a Responsabilidade Social das Empresas. Maravillas Espín insistiu na relevancia que o seu departamento concede a este modelo produtivo e como proba diso sinalou os máis de 800 millóns de euros que se van a destinar ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Economía Social e dos Coidados, único en Europa.

Ademais do PERTE, o orzamento multiplicouse por dez, a partida orzamentaria do ministerio destinada á Economía Social multiplicouse por dez en apenas tres anos: ascendeu a 81,5 millóns de euros o próximo exercicio tras partir dos 8,2 millóns en 2020.

"O apoio institucional, as reformas normativas e o apoio financeiro aos proxectos buscan a modernización e impulso do sector e a súa adaptación á realidade socioeconómica?, insistiu Pérez Rei, quen avanzou aos presentes a intención de establecer a Economía Social como unha das prioridades da próxima presidencia rotativa española da Unión Europea, no segundo trimestre de 2023.

AVAL DAS INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS

O secretario de Estado destacou o bo momento que atravesa a Economía Social tras a aprobación en decembro pasado na Unión Europea do primeiro Plan de Acción de Economía Social.

En xuño pasado, o Consello da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) aprobou unha Recomendación sobre Economía Social e Solidaria e Innovación Social, mentres que a Organización Internacional do Traballo (OIT) aprobou a pioneira resolución sobre traballo decente e a economía social e solidaria.

En opinión de Pérez Rei, as políticas públicas deben procurar o benestar das persoas e a súa contorna, principio polo que se rexe a Economía Social. "Necesitamos máis e mellor Economía Social para seguir perseguindo unha sociedade e unha economía máis xustas e solidarias", concluíu o secretario de Estado.