• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Consello Económico e Social do Concello mantén hoxe unha nova xuntanza na que se presentarán os avances no proxecto da Axenda Urbana 2030

Data de escritura

O Consello Económico e Social do Concello de Santiago, órgano de participación das asociacións e entidades do ámbito socioeconómico no seguimento das cuestións da cidade e na determinación das medidas e decisións que se toman para o futuro, celebra hoxe un novo encontro no edificio CERSIA de San Lázaro presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

Cersia Empresa, sede da oficina de Promoción Económica.
Cersia Empresa, sede da oficina de Promoción Económica.

A xuntanza de hoxe centrarase nos últimos avances e próximos pasos no marco da Axenda Urbana 2030 de Santiago que serán presentados pola codirectora executiva do proxecto, María Cadaval. Neste punto tamén intervirá o profesor da USC, Melchor Fernández Fernández, para compartir algúns dos datos máis recentes sobre a situación do mercado laboral e os indicadores vinculados á implementación deste proxecto.

Ademais, tamén se dará conta dos principais resultados acadados polas tres iniciativas codeseñadas coas entidades membros do CES no marco do programa municipal Compostela Móvese: o Plan de formación para a mellora empresarial, o Concurso de boas prácticas empresarias e as Actividades de divulgación de boas prácticas empresariais.

Consello Económico e Social

O Consello Económico e Social é un órgano permanente de comunicación entre os distintos intereses económicos e sociais do Concello de Santiago e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello. Entre as súas funcións figuran:

- Ser informado sobre os criterios e liñas xerais do anteproxecto do orzamento municipal aos efectos do seu coñecemento en relación ás materias socioeconómicas.
- Elaborar informes, ditames ou estudios, de oficio ou a instancia do Concello de Santiago, en calquera asunto de carácter económico e social.
- Servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no debate de asuntos de transcendencia nos ámbitos económicos e sociolaborais, co fin de potenciar o desenvolvemento económico e a creación de emprego, a implantación de novas actividades e o desenvolvemento das xa existentes.
- Propoñer solucións e criterios de actuación orientados á promoción económica e á creación de emprego no municipio de Santiago.
- Coñecer as medidas de planificación económica e social que se elaboren polo Concello de Santiago e que afectan de forma xeral aos intereses do municipio.
- Emitir anualmente, dentro do primeiro semestre de cada ano, un informe sobre a situación económica e social do municipio.

O Consello Económico e Social, presidido polo alcalde, conta con integrantes de todos os grupos municipais. Ademais, están representados neste órgano, a través dos seus titulares, a Universidade de Santiago; os sindicatos UXT, CC OO, CIG, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego; Compostela Monumental; Área Empresarial do Tambre; Asociación Punto Compostela; Fundación Santiago Centro; Hostalería Compostela; Confederación de Empresarios de Galicia; Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Círculo Financeiro de Santiago.