O alcalde agradece á secretaria de Estado de Turismo o apoio á cidade e os investimentos para o mantemento do patrimonio
Xosé Sánchez Bugallo deu á benvida na praza do Obradoiro á secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, na súa primeira visita á cidade, acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Os mandatarios visitaron os Hostal dos Reis Católicos e o Pazo de Raxoi, cuxas obras de restauración reciben fondos procedentes da administración central.
O rexedor agradeceu a visita da secretaria de Estado, que "pon de manifesto o papel que xogamos as cidades históricas na imaxe de España no resto do mundo a nivel turístico". Sinalou Sánchez Bugallo que "en Santiago xúntanse as facetas histórica, cultural, relixiosa….a tradición e os camiños son unha referencia mundial dunha maneira distinta de facer turismo, dun turismo respectuoso co patrimonio, co medio ambiente e coas persoas", engadiu.
Nos mesmos termos se expresou Rosana Morillo, que agradeceu a acollida e sinalou que é "un privilexio estar no corazón do turismo en Galicia e comprobar todos os proxectos que hai, os investimentos que se van facer e se fixeron co obxectivo de preservar o patrimonio". Rosana Morillo puxo a Praza do Obradoiro como símbolo da aposta do Goberno polo turismo galego, con 20 millóns de euros para transformar tres dos seus edificios emblemáticos: a Catedral, o Parador e o Pazo de Raxoi.
O alcalde e o delegado do Goberno acompañaron a secretaria de Estado ao Pazo de Raxoi onde coñeceu interior deste edificio, que vai ser obxecto dunha remodelación con 3 millóns de euros do programa do Ministerio de Industria para Cidades Patrimonio da Humanidade. Sobre as obras indicou o alcalde que "comeza agora a obra da fachada", cun investimento de arredor de 700.000 euros, que se suma á primeira fase: o cambio das cubertas, ao que se destinou 1 millón. "Quedan por licitar as obras de recuperación interior, cun orzamento de 3 millóns de euros que achega o Ministerio de Industria con cargo a fondos europeos", lembrou. En total, "preto de 5 millóns de euros na rehabilitación e recuperación do Pazo de Raxoi, unha mellora moi notable e o maior investimento que se acomete nos últimos cen anos", sinalou.
Na sede do Concello, puideron coñecer tamén o estado de desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino de Santiago de Compostela, que cofinancia o Ministerio de Industria cun millón de euros.
Previamente visitaron o Hostal dos Reis Católicos, onde percorreron varios dos puntos que se van rehabilitar con cargo ao programa para reforma de BIC vinculados a Paradores de Turismo. En concreto, o Hostal dos Reis Católicos recibirá 13,5 millóns de euros cos que se afrontarán actuacións de conservación das fachadas sur e leste, dos patios e claustros renacentistas e do beirado histórico. Tamén se prevén accións ligadas coa iluminación monumental do exterior do edificio e dos catro patios, así como coa conservación da Capela Real.