• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello de Santiago promove un proxecto colaborativo de innovación social para loitar contra a vulnerabilidade na cidade

Data de escritura

Xunto ao Concello, Cruz Vermella, Cáritas, USC, Fundación Secretariado Xitano, Viaqua e Cetaqua participan achegando e analizando datos para a realización dun estudo de vulnerabilidades socio-económicas da cidade. A concelleira de Politicas Sociais, Mila Castro, presidiu esta mañá un encontro de todas as entidades que participan neste proxecto que leva por nome Big Social Santiago.

A situación socioeconómica mundial viuse danada pola crise sanitaria, que afectou ao ámbito laboral, con particular forza no sector servizos. O último informe da fundación FOESSA e a Cruz Vermella mostran que a precariedade laboral se duplicou, alcanzando xa a case 2 millóns de fogares. Isto supuxo unha maior brecha económica, co aumento dun 25% da diferenza entre a poboación con máis e menos ingresos. Tamén afectou á brecha de xénero e á exclusión social dos mozos e inmigrantes.

Ante esta situación, o Concello de Santiago, a través da Concellería de Políticas Sociais liderada por Mila Castro, mobilizouse para impulsar un proxecto de innovación social que poida contribuír a mellorar a situación socioeconómica e loitar contra os distintos tipos de vulnerabilidade presentes na cidade, mediante a colaboración público-privada con axentes locais como son Cruz Vermella, Cáritas, a Fundación Secretariado Xitano, a Universidade de Santiago de Compostela, a empresa Viaqua e o seu centro tecnolóxico, Cetaqua Galicia.

Desta forma nace o proxecto Big Social Santiago, que ten como obxectivo analizar as diferentes situacións de vulnerabilidade social que hai na cidade a través do Big Data e desenvolver políticas e accións sociais personalizadas e cunha maior eficacia.

O proxecto Big Social emprega técnicas avanzadas de análise e procesado de datos públicos xeorreferenciados de variables que definen a vulnerabilidade, tales como a renda, o xénero, a idade ou a orixe, para obter a evolución das principais características socioeconómicas do municipio en forma de indicadores. Con este proxecto, estase a crear unha ferramenta dixital de mapas dinámicos na que se visualizarán os resultados obtidos dos datos agrupados por áreas. Esta ferramenta facilitará o seguimento periódico de indicadores socioeconómicos do territorio ás entidades sociais locais e permitirá axilizar o proceso de análise e a toma de decisións estratéxica en materia de acción social.

Con este proxecto colaborativo de innovación social espérase conseguir beneficios como a posibilidade de determinar as tendencias socioeconómicas en base á información evolutiva, deseñar accións focalizadas para abordar as problemáticas concretas de cada área ou cada colectivo coa axuda das organizacións sociais, ter unha detección temperá de zonas en situación de vulnerabilidade que permita realizar accións preventivas e non correctivas, así como realizar actuacións de intervención social con maior impacto na sociedade e nas persoas en risco de exclusión.

A clave do proxecto é a colaboración para a definición das vulnerabilidades a estudar, así como a procura dos indicadores máis representativos para cada caso, e os datos necesarios á menor escala posible. Desde o seu inicio, a empresa Viaqua e o seu centro tecnolóxico, Cetaqua Galicia, quen está a crear a ferramenta dixital, asumiron a organización e coordinación das reunións de traballo coas diferentes entidades locais para definir os indicadores de vulnerabilidade obxectivo. A Universidade de Santiago de Compostela, máis concretamente o seu Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) que forma parte do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), achega o coñecemento e a experiencia en materia de investigación socioeconómica do territorio. Pola súa banda, Cáritas, do mesmo xeito que Cruz Vermella, grazas á súa ampla experiencia en acompañamento a persoas en risco de exclusión social, achega o seu coñecemento en atención integral a familias e infancia, persoas maiores e dependentes, persoas con discapacidade e outros colectivos en situación de vulnerabilidade económica e/o social. Finalmente, Fundación Secretariado Xitano uniuse co obxectivo de achegar o seu enfoque de inclusión e perspectiva de xénero, especialmente da comunidade xitana.