A Comisión de seguimento do V Plan de Igualdade conta con representación de todas as áreas e servizos do Concello
O "V Plan de Igualdade entre mulleres e homes do Concello de Santiago de Compostela" conta, na súa Comisión de seguimento, constituida o pasado venres, cunha representación de todos as áreas e servizos do Concello, reforzando así, aínda máis, a súa transversalidade. Esta comisión está presidida pola concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón.
O "V Plan de Igualdade entre mulleres e homes do Concello de Santiago de Compostela", aprobado en pleno por unanimidade de todos os grupos da Corporación Municipal o pasado 4 de xullo; recolle os obxectivos e as medidas que van condicionar as políticas presentes e futuras de igualdade ata o ano 2025. Foi posible grazas á colaboración do persoal municipal, dos grupos políticos, do tecido asociativo e da poboación en xeral que participaron no seu desenvolvemento.
Os plans de igualdade entre mulleres e homes son documentos fundamentais de xestión para a consecución real da igualdade, así como para a prevención da violencia de xénero. En concreto, esta V Plan, esta nova folla de ruta, é un importante instrumento para a introducción da óptica da igualdade en todas as políticas que se desenvolven dentro do termo municipal, a medio e a longo prazo en distintos ámbitos: cultural, político, laboral, económico, social, etc.
V Plan Municipal de Igualdade
Os principios que rixen o "V Plan Municipal de Igualdade" son a transversalidade das políticas de igualdade, a integración da perspectiva de xénero en todas as nosas actuacións, a sensibilización e participación da poboación, o respecto á diversidade e a practicidade e mellora continúa.
O proceso de elaboración do documento tivo como punto de partida o marco normativo vixente; a análise documental de diversos informes, avaliacións e diagnoses, e unha revisión cuantitativa do anterior plan de igualdade que se completou cunha análise sociodemográfica do municipio, para obter unha radiografía sobre a situación da muller nos diversos ámbitos de intervención municipal.
De xeito paralelo levouse a cabo unha fase participativa, con entrevistas tanto ao persoal de todos os servizos do concello, así como a todas as asociacións veciñais, culturais, os grupos da corporación municipal, e colectivos que en Santiago traballan dun xeito ou doutro para garantir os dereitos das mulleres. Todas participaron na elaboración do plan, achegando necesidades que se traduciron nos obxectivos e medidas concretas que se van desenvolver.
O V Plan de igualdade municipal está dirixido a toda a poboación de Santiago, non só ás mulleres; porque sen a implicación do conxunto non se poderán acadar os obxectivos fixados. Ten un periodo de vixencia de tres anos, ata o 2025; e estrutúrase en seis áreas de intervención. Cada unha delas recolle unha serie de obxectivos e medidas ou actuacións específicas para acadalos. Estas áreas de actuación son:
-Coeducación e formación con perspectiva de xénero.
-Formación, inserción laboral e conciliación dos tempos laborais, familiares e persoais.
-Apoderamento, participación e asociacionismo.
-Calidade de vida e benestar integral de colectivos específicos.
-Transversalidade de xénero na Administración Local.
-Sensibilización e erradicación da violencia de xénero.
Con este V Plan de Igualdade o Concello de Santiago continúa a súa aposta polo establecemento de novas medidas, reforzando, ao mesmo tempo, os mecanismos e os instrumentos xa postos en marcha nos últimos anos co obxectivo de detectar e loitar contra as desigualdades que, por mor do xénero, están tan arraigadas na sociedade.