O Concello de Santiago abre a partir de mañá o prazo de inscrición para a cobertura de 59 prazas
O Boletín Oficial do Estado (BOE) acaba de publicar a convocatoria dun total de 59 prazas de persoal funcionario de carreira e de persoal laboral fixo no Concello de Santiago, para a súa cobertura a través do sistema de oposición e quenda libre. A estas prazas súmanse tamén as 92 prazas xa convocadas o pasado mes de decembro do proceso extraordinario de estabilización e as 71 prazas de promoción interna de persoal funcionario de carreira que xa presta os seus servizos no Concello.
Tras a súa publicación no día de hoxe no Boletín Oficial do Estado, o Concello de Santiago abrirá a partir de mañá, 14 de febreiro, o prazo de solicitude para participar na convocatoria de 59 prazas de persoal funcionario de carreira das escalas de Administración xeral (31) e de Administración especial (25), así como tres prazas de persoal laboral fixo. Estas novas prazas así como as do proceso de estabilización e a próxima convocatoria de promoción internas, suman un total de 222 prazas.
As 59 prazas convocadas hoxe, que xa foran publicadas o pasado 16 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, cubriranse polo sistema de oposición libre, e están distribuídas do xeito seguinte:
a) 31 prazas de persoal funcionario de carreira da escala de Administración xeral:
Técnico/a Admón. Xeral - A1 (2 prazas)
Técnico/a de Xestión - A2 (8 prazas)
Administrativo/a - C1 (12 prazas)
Auxiliar administrativo - C2 (8 prazas)
Uxier - AP (1 praza)
b) 25 prazas de persoal funcionario da escala de Administración especial:
Enxeñeiro/a de Camiños, Canles e Portos - A1 (1 praza)
Técnico/a de Arquivo A1 (1 praza)
Técnico/a de Medio Ambiente - A1 (1 praza)
Técnico/a de Comunicación (Xornalista) - A1 (1 praza)
Arquitecto/a técnico/a - A2 (2 prazas)
Enxeñeiro/a técnico/a industrial - A2 (2 prazas)
Músicos- A2 (2 trompetas e 1 fagot)
Técnico medio/a de Deportes - A2 (1 praza)
Técnico/a medio/a de Informática - A2 (1 praza)
Técnico/ medio/a de Prevención e Seguridade Operativa - A2 (1 praza)
Delineante - C1 (1 praza)
Bombeiros/as Xestión Operativa e Preventiva - C2 (2 prazas)
Bombeiro/a condutor/a - C2 (1 praza)
Carpinteiro/a metálico - C2 (1 praza)
Condutor/a operador/a - C2 (1 praza)
Operario/a servizos múltiples - C2 (5 prazas)
c) 3 prazas de persoal laboral fixo:
Diplomado Universitario en Enfermería-DUE - A2 (1 praza)
Auxiliar de Clínica - C2 (1 praza)
Técnico de mantemento - C2 (1 praza)
As 59 prazas serán cubertas por quenda libre e sistema de oposición e o prazo de presentación de instancias será de vinte días naturais a partir de mañá, 14 de febreiro, o día posterior á publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado.
O proceso consiste en superar unha proba tipo test, cuxo número varía en función do grupo de clasificación e un suposto práctico relacionado coas funcións propias do posto a desenvolver e baseado no temario publicado para cada grupo e categoría profesional. Ademais para os grupos superiores, A1 e A2 as persoas participantes no proceso terán que desenvolver por escrito dous (A1) ou un (A2) tema dos catro ou dos dous, respectivamente, propostos polo tribunal.
Estabilización
O Concello de Santiago tamén levou a cabo un proceso selectivo extraordinario de estabilización para a cobertura de 92 prazas co obxectivo de incrementar a estabilidade no emprego público municipal.
Estas prazas, cuxo prazo de presentación de solicitudes pechou o pasado 20 de xaneiro, están repartidas do xeito seguinte:
- 73 pola quenda libre, sistema de concurso: 49 de persoal funcionario de carreira das escalas de Administración xeral e Administración especial, e 24 de persoal laboral fixo.
- 19 pola quenda libre, sistema de concurso-oposición: 14 de persoal funcionario de carreira das escalas de Administración xeral e de Administración especial, e 5 de persoal laboral fixo.
Promoción interna
Neste momento, está tamén pendente o anuncio no Boletín Oficial da Provincia para a publicación das bases dos procesos selectivos convocados para a provisión de 71 prazas de promoción interna no Concello de Santiago polo sistema de concurso oposición. Dese total 10 corresponden a Administración xeral (persoal auxiliar administrativo que terá a opción de promocionar a administrativo) e 61 de Administración especial:
- persoal bombeiro que promociona do subgrupo C2 a C1 (homologándose así coa policía local)
- persoal delineante, que poderá pasar do subgrupo C1 ao grupo B
- persoal programador informático, que tamén poderá promocionar do subgrupo C1 ao grupo B