• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello contará cunha xestión contable 100% electrónica

Data de escritura

O Concello de Santiago implantará nos vindeiros meses unha nova aplicación informática que permitirá unha xestión integral de facturas desde o momento da súa presentación ata o seu pagamento, evitando a xestión manual. Esta nova solución web permitirá coñecer en todo momento a situación na que se atopa a factura e a integración desta xestión con outros procesos administrativos.

A Concelleira Marta Abal nunha rolda de prensa

A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta semana á adxudicación dun contrato á empresa AYTOS SOLUCIONES INFORMÁTICAS SL por un importe total de 129.808,80 € para a subministración e implantación dunha solución web integrada para a xestión de facturas e a aplicación de xestión contable do Concello de Santiago, que serán ubicadas nun único servidor.

A aplicación Firmadoc permitirá implantar un proceso electrónico integral de xestión das facturas desde a súa entrada no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración General del Estado (FACE) ata o seu pagamento, evitando a xestión manual, permitindo o rexistro da trazabilidade e posibilitando a integración con outros procesos administrativos.

Ademais, ao tratarse dun procedemento totalmente electrónico, esta ferramenta permitirá consultar en todo momento á situación real dunha factura nun só click e optimizar os tempos medios na execución das tarefas, detectando atrancos na tramitación. Esta mellora virá reforzada por un sistema visual de alertas dos prazos legais de tramitación e a posibilidade de establecer criterios de priorización na tramitación das facturas segundo data de vencemento, prazos de tramitación, urxencia, etc.

A concelleira de Facenda e Modernización da Administración Local, Marta Abal, salientou que a implementación desta solución "é unha gran asignatura pendente no Concello" e permitirá "mellorar a eficacia e a eficiencia na tramitación das facturas, e detectar os cuellos de botella". Ademais, "desde o punto de vista externo, melloraremos na transparencia, xa que os proveedores poderán saber en cada momento a situación exacta na que se atopa cada unha das súas facturas".