• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Goberno municipal aproba o anteproxecto e estudo de viabilidade do complexo deportivo de Santa Marta

Data de escritura

O Goberno municipal aprobou hoxe, inicialmente, o estudo de viabilidade económica-financeira e o anteproxecto como actuacións preparatorias do expediente de concesión de servizo (e máis a obra) de explotación do complexo deportivo no barrio de Santa Marta. Agora, tal e como explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, ambos proxectos vanse someter a información pública polo prazo dun mes, antes de saír a licitación. Segundo sinalou, o complexo tería capacidade para 5.000 persoas.

Imaxe da vista área do proxecto
Plano da localización do futuro complexo deportivo
Imaxe en perspectiva
Plano complexo deportivo

A nivel de planeamento urbanístico, o ámbito da intervención prevista atópase en solo clasificado polo PXOM como solo urbanizable delimitado e DEP-2-SUP-6 Equipamento Deportivo 2. Localízase nunha parcela de 4.400 metros cadrados, situada entre as rúas das Trece Rosas e Maruxa Mallo.

No andar menos 1, segundo explicou o técnico de Deportes, Antón Campos, é onde se úbica a zona de auga, composta por unha piscina polivalente semiolímpica de 25 por 12,5 metros cunha profundidade perimetral proposta de 1,20 metros e a 4 augas, con profundidade máxima no centro de 1,36 metros, de modo que se facilite o seu uso tanto para o nado como para cursos e actividades dirixidas. Tamén inclúe,segundo o anteproxecto unha piscina de iniciación de 8 por 12,5 metros cunha profundidade de 1,10 metros; un spa de 8 por 7,5 m e unha zona de contraste que inclúe sauna e baño turco; e dous vestiarios de 287,80 metros cadrados cada un. Neste andar tamén se atopan catro salas de actividades dirixidas e espazo polivalente no que se situarían os accesos ás outras plantas do edificio. A superficie construida sería de aproximadamente 2.500 metros cadrados.

A planta baixa, que tería acceso desde a rúa Maruja Mallo, achégase os 2.800 metros cadrados, e contaría con catro pistas de pádel, tres cubertas e unha inicialmente descuberta; unha zona que podería ter un uso como solarium, pero que tamén é apta como zona de actividades de exterior, tipo crossfit; unha sala polivalente, así como vestíbulo, aseos e despachos.

O primeiro andar contaría cunha sala de fitness de gran tamaño, considerando a especial demanda que existe sobre este tipo de espazos, de 1.056,43 metros cadrados. O edificio, segundo o anteproxecto, remata nunha planta cuberta, sobre a que se instalarían paneis solares, garantindo así a súa eficiencia enerxética.

No andar menos 2, que da á rúa das Trece Rosas, inclúese unha zona de estacionamento en dúas zonas conectadas, parte na zona baixo do edificio e outra parte en superficie, ata un total de 97 prazas, 51 no interior e o resto no exterior, varias delas reservadas para personas con mobilidade reducida. O soto complétase coa sala de cladeiras, e a zona de filtracións. A superficie construida sería algo maior dos 2.000 metros cadrados.

O custe do complexo estímase en 7.642.982 euros máis IVE. O programa do edificio desenvolto no anteproxecto, elabora e xustifica a proposta de viabilidade económica que se proxecta a 30 anos de concesión. O modelo contractual escollido, concesión de servizos, inclúe a execución de obra. Sánchez Bugallo sinalou que se trata "dunha proposta solvente", coa que se da resposta "a un acordo plenario". O documento e planos presentados en Xunta de Goberno foron informados con carácter favorable e a proposta elaborada cumpre cos parámetros establecidos no planeamento.

Documentos relacionados