• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Luz verde ao proxecto para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite

Data de escritura

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá o proxecto técnico básico e de execución para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite cun orzamento global de 1,3 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses.
A reforma integral do pavillón de Vite pretende emendar a situación actual dunhas instalacións que datan da década dos 90 tras un uso intensivo durante máis de 30 anos.

Recreación do interior do pavillón

 

O proxecto aprobado cunta cun orzamento base de licitación de 1.095.270,13 euros; co IVE engadido ascende a 1.325.276,86 euros. Levarase a cabo a construción dunha nova envolvente, a base de chapa ondulada microperforada cor branca, máis lixeira e permeable, sobre a que se practican unha serie de ocos, a fin de introducir a luz natural e mellorar a relación interior-exterior do edificio. Tamén se impermebilizará a cuberta para facilitar o seu illamento, conservando o soporte existente, pero renovando canlóns e baixantes. Os actuais lucernarios serán substituídos por novas placas de policarbonato celular opal a fin de recuperar a iluminación natural e evitar deslumbramentos.

Tamén se acadará un importante aforro enerxético mediante a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED, substitución de acumuladores eléctricos de produción de ACS por bomba de calor de alta eficiencia e a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, reducindo considerablemente o consumo actual do edificio. Nos vestiarios, que non contan con ventilación nin calefacción, exponse un sistema de ventilación con recuperación e calefacción. Coas melloras na busca da eficiencia enerxética do edificio prevese que se poida reducir o consumo de enerxía primaria arredor dun 45%.

Co obxectivo de resolver os problemas funcionais, de accesibilidade e seguridade de utilización dedicarase unha partida ao traslado dos aseos públicos á cota das bancadas; á mellora dos diferentes accesos, eliminando banzos intermedios e incluíndo a reelaboración da rampla situada na fachada sur para que as pendentes cumpran a normativa; a localización da conserxería na cota intermedia; a redistribución de vestiarios e dependencias auxiliares da planta baixa; a incorporación de catro prazas adaptadas nas bancadas, dúas no nivel inferior e dúas no superior; a colocación de novas barandas, sinalización, etc.

A proposta nace dun estudo exhaustivo do estado actual e do funcionamento do edificio, así como da procura dunha posta en valor do equipamento dentro do tecido urbano. Todo iso, co principal obxectivo de resolver os problemas existentes relacionados coa presenza de humidade, a funcionalidade, a accesibilidade, as instalacións, así como o estado dos equipamentos deportivos.

PIREP

Tanto a actuación no pavillón de Vite como a do complexo deportivo de Santa Isabel resultaron beneficiarias da Liña 1 do PIREP Local, o programa de axudas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a través dos fondos europeos Next Generation EU. O custo total dos dous proxectos será de 4.301.180,12 euros, cunha achega do Goberno central de 3.319426,96 euros e de 981.753,16 euros de fondos propios do Concello.

Documentos relacionados