• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

XUNTA DE GOBERNO A Xunta de Goberno local aproba a licitación do contrato de transporte urbano

Data de escritura

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe o expediente de contratación da "Xestión do servizo público de transporte colectivo urbano de viaxeiros do municipio de Santiago de Compostela, en réxime de concesión administrativa". A licitación, segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, conta cun orzamento base de licitación de 86.014.581,21 euros; divididos en 13 anualidades; desde 2024 a 2036 ambos incluídos.

Autobús do servizo actual de transporte público de Santiago

 

Este novo contrato, que acaba de recibir luz verde da Oficina Nacional de Avaliación (ONE), contempla a renovación de toda a flota de autobuses, un total de 58, que pasarán a ser 100% eléctricos (13 vehículos) ou cero emisións (45 vehículos). O rexedor subliñou que a empresa concesionaria terá un ano de prazo para realizar este cambio. E outro período, de 30 días hábiles desde a adxudicación, para a substitución da actual flota por outros "autobuses provisionais de menos de sete anos de antigüidade", porque, engadiu, "non se incorporaron autobuses novos" desde 2012, excepto os 11 alugados en novembro pasado.

Un dos aspectos fundamentais do contrato é o de acadar un transporte accesible, para todos os colectivos. Por iso, todos os autobuses novos que se incorporen deberán contar con rampla automática e manual, garantindo a accesibilidade dos usuarios e usuarios. A isto sumaráselle un novo sistema de aviso de paradas, a través dunha pantalla coa que se poderá ver cal é o próximo destino, e cun aviso sonoro pensando na inclusión das persoas con algunha discapacidade auditiva ou visual.

A maiores, o novo contrato tamén contempla a mellora do sistema de información con nova web e nova aplicación de consulta do transporte urbano, que facilite de xeito claro e intuitivo a planificación das viaxes no transporte público. Implementará, tamén, en todos os autobuses, servizos de pago actualizados ás novas tecnoloxías. E ademais, substituiranse todos os paneis informativos situados nas paradas.

Novas rutas e máis frecuencias

Co novo contrato, a rede de transporte amplía a súa cobertura xeográfica, elimina solapes, evitando que dous autobuses con percorrido coincidente acaben utilizando o mesmo viario, acadando deste xeito unha distribución equilibrada, e mellorando a súa eficiencia.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, a renovación completa da flota virá acompañada dun novo deseño de itinerarios de paradas e o incremento das frecuencias. O contrato que se licita manterá a comunicación dos barrios coa malla urbana, destacando a integración total de centros xeradores e atractores de viaxeiros e viaxeiras, prestándolle especial atención aos centros de maior afluencia de persoas usuarias, cun reforzo das conexións cos polígonos empresariais, e entre os campus universitarios, co obxecto de impulsar unha mobilidade sostible promovendo o uso do transporte público. Tamén se prevé unha liña lanzadeira, con servizo directo entre o Aeroporto Rosalía de Castro e a estación Intermodal.

O obxectivo, sinalou Sánchez Bugallo, é que "en seis meses poida estar o contrato de transporte adxudicado".

A prestación do servizo público de transporte urbano complementarase coas medidas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, no que o transporte público contará cun papel protagonista.

Documentos relacionados