• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago, única cidade galega entre as quince con menores taxas de paro, segundo os datos de indicadores urbanos difundidos polo INE

Data de escritura

Santiago de Compostela é a única cidade galega incluída no ránking das quince urbes con menor taxa de desemprego de España, segundo reflicte a nota de prensa que onte fixo pública o INE (Instituto Nacional de Estatística), tomando como referencia o proxecto "Indicadores Urbanos". Este estudo ofrece información de 39 parámetros, entre eles os indicadores municipais de paro e actividade correspondentes a 2022.

Cersia empresa, onde se atopan entre outras, as oficinas da área de Emprego do Concello de Santiago

Para o cálculo deste indicador en concreto, utilízanse valores medios anuais a partir dun modelo que combina os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e do paro rexistrado, segundo as cifras do SEPE, o Servizo Público de Emprego Estatal. En 2022, Santiago de Compostela rexistrou unha taxa de paro dun 9,1%. A lista non inclúe ningunha outra cidade galega. Encabezándoa, en primeiro lugar está o municipio de San Cugat del Vallès, na provincia de Barcelona, cun 5,2% de desemprego.

O proxecto "Indicadores Urbanos" consiste nunha adaptación ao ámbito nacional do contido do proxecto europeo Urban Audit, cuxo obxectivo é proporcionar información sobre as condicións de vida nas principais cidades da Unión Europea e os países candidatos.

Nesta versión nacional do proxecto ofrécese información de 39 indicadores para unha selección de 126 cidades españolas, nove conurbacións (conxunto de varios núcleos urbanos inicialmente independientes e contiguos polas súas marxes que ao medrar acaban formando unha unidade funcional) e 70 áreas funcionais ao redor das principais cidades.