• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Luz verde ao inicio da contratación das obras para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite

Data de escritura

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá o expediente de contratación das obras para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite, cun orzamento global de máis de 1,3 millóns de euros e que arrancarán previsiblemente a partir de xaneiro de 2024, cun prazo de execución de seis meses. Tamén se deu luz verde a cinco convenios de colaboración do Concello de Santiago con diferentes entidades culturais e sociais por un importe total de 67.000 euros. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa Goretti Sanmartín.

A Alcaldesa durante a rolda de prensa

 

Goretti Sanmartín recordou que as obras para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite contarán "cun orzamento 1.325.276,86 euros" e estarán "cofinanciadas polos fondos Next Generation". A rexedora cualificou esta intervención como "relevante e necesaria", xa que é preciso "facer unha serie de modificacións nunha edificación que é de finais dos anos 80 e que ten problemas de humidade, de accesibilidade, de iluminación e problemas funcionais en xeral". Tamén anunciou que as obras "está previsto que poida empezar en xaneiro do ano 2024, cun prazo de execución de seis meses".

No marco desta remodelación, construirase unha nova envolvente a base de chapa ondulada microperforada de cor branca, máis lixeira e permeable, que contará cunha serie de ocos para facilitar o paso da luz natural. Tamén se impermebilizará a cuberta para facilitar o seu illamento, conservando o soporte existente, pero renovando canlóns e baixantes. Os actuais lucernarios serán substituídos por novas placas de policarbonato celular opal a fin de recuperar a iluminación natural e evitar deslumbramentos.

Tamén se acadará un importante aforro enerxético de arredor do 45%, mediante a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED, a substitución de acumuladores eléctricos de produción de ACS por bomba de calor de alta eficiencia e a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo. Nos vestiarios, que non contan con ventilación nin calefacción, instalarase un sistema de ventilación con recuperación e calefacción.

Ademais, co obxectivo de resolver os problemas funcionais de accesibilidade e de seguridade, levarase a cabo distintas intervencións como o traslado dos aseos públicos á cota das bancadas; a mellora dos diferentes accesos, eliminando banzos intermedios e incluíndo a reelaboración da rampla situada na fachada sur para que as pendentes cumpran a normativa; a redistribución de vestiarios e dependencias auxiliares da planta baixa; así como a instalación de catro prazas adaptadas nas bancadas e de novas barandas, sinalización, etc.

Convenios de colaboración

O executivo municipal tamén aprobou os convenios de colaboración do Concello de Santiago coa Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, por un importe de 20.000 euros, e coa Asociación Cultural Rocha Forte por 5.000 euros. No ámbito da igualdade, tamén se acordou a sinatura de convenios con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, cunha partida de 30.000 euros que estará destinada ao Programa Vagalume que ofrece atención integral a mulleres en contextos de prostitución e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual, e coa Fundación Universidade de Santiago de Compostela M.P., por un importe de 9.000 euros.

Tamén se aprobou o convenio coa Xunta de Confrarías de Semana Santa de Santiago de Compostela para o desenvolvemento dun programa de actividades e promoción da Semana Santa, por unha contía de 3.000 euros.

Outros asuntos

O executivo municipal tamén acordou esta mañá adxudicar o contrato de subministración de material de oficina no Concello de Santiago a PAIPEL-OR SL, por un importe máximo de 42.010,37 euros/ano (IVE aparte 21%: 8.822,18 euros/ano), e de cadeiras ergonómicas de oficina (Lote II) a KL-1 MOBILIARIO DE OFICINA,S.L, por un importe máximo de 6.000 euros/ano (IVE aparte 21%: 1.260,00 euros/ano), ao ser as ofertas destas dúas empresas as máis vantaxosas das presentadas e cumprir cos requisitos esixidos nos pregos.

Ademais, a rexedora tamén anunciou a aprobación da orde de continuidade para que a Asociación "ESCOLA DE TEMPO LIBRE DON BOSCO" siga a prestar o servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal na Ludoteca das Fontiñas, no espazo educativo e de lecer María Miramontes, nas mesmas condicións nas que o viña facendo e polo tempo imprescindible ata adxudicar un novo contrato.

Documentos relacionados