O Concello de Santiago e EspazoCoop fomentan o emprendemento feminino
A xornada "Somos mulleres, somos emprendedoras, somos economía social" celebrarase o vindeiro o martes 26 de setembro ás 10 horas no edificio Cersia Empresa, e nela mulleres emprendedoras no sector da economía social compartirán as súas experiencias no cooperativismo.
O Cersia Empresa acollerá o vindeiro 26 de setembro a xornada "Somos mulleres, somos emprendedoras, somos economía social", organizada por EspazoCoop en colaboración co Concello de Santiago. A xornada arrancará ás 10:00 horas cun acto de apertura no que participarán a concelleira de Promoción Económica, María Rozas, e a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira.
Esta xornada está dirixida a mulleres emprendedoras, entidades de apoio ao emprendemento e calquera persoa interesada en achegarse a iniciativas empresariais protagonizadas por mulleres, no marco da economía social. Así, o obxectivo é dar a coñecer as oportunidades que ofrece este sector para as mullees, fundamentalmente o cooperativismo, debido ao seu carácter participativo, de recoñecemento da diversidade e de defensa da equidade.
Casos prácticos
Ao longo da xornada, diferentes cooperativas formadas por mulleres compartirán os seus proxectos: Comunidade Creativa S. Coop. Galega ('Potenciar a mulleres creativas de xeito colectivo'), 7H Cooperativa Cultural S. Coop. Galega ('Rachando estereotipos'), Flying Fun S. Coop. Galega ('Actividades para achegarse ao inglés'), Arabías S. Coop. Galega ('Fomentando a igualdade'), e O Cable Inglés S. Coop. Galega ('Comunicación e proxectos').
Ademais de fomentar o emprendemento feminino a través das boas prácticas na economía social, esta xornada pretende xerar un espazo de networking que favoreza o coñecemento mutuo e a identificación de intereses que poida ser semente para procesos de creación e intercooperación baixo fórmulas da economía social.
Para participar na xornada a inscrición pode realizarse na web de EspazoCoop ou neste enlace.
EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial de ámbito galego, configurada como asociación sen ánimo de lucro e integrada por cooperativas de distintas clases. Inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, esta entidade ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.