• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A concelleira María Rozas participou na Asemblea Xeral de REDEL celebrada en Euskadi

Data de escritura

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou onte xoves en Donostia-San Sebastián na Asemblea Xeral da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, REDEL, da que forma parte o Concello de Santiago. A Asemblea aprobou a incorporación dunha nova entidade á rede, a Deputación da Coruña, contando xa con 33 entidades asociadas. Así mesmo, aprobouse o plan de xestión e o orzamento para o novo exercicio 2024.

Maria Rozas, xunto ao presidente de REDEL, Fernando Nebreda (no centro)
Tamén asistiu a técnica de Promoción Económica do Concello, Carme Casado

A Asociación Vasca de Axencias de Desenvolvemento GARAPEN, socia da rede estatal e anfitrioa neste caso do encontro, foi a encargada de organizar unha axenda completa ao redor da gobernanza, a economía social, o talento e as industrias culturais e creativas. Nesta ocasión contouse coa participación de Oarsoaldea, Fomento San Sebastián, Debegesa e Bidasoa Activa, coorganizadoras do encontro.

O encontro comezou o mércores, día previo á asemblea, no que as persoas asistentes puideron coñecer ALBAOLA Itsas Kultur Faktoria, un espazo innovador onde se recupera e pon en valor a tecnoloxía marítima artesanal situada en Pasaia San Pedro na comarca de Oarsoaldea.

Tras a Asemblea, celebrada no edificio Talent House, Fomento San Sebastián presentou a estratexia de innovación e atracción de talento dirixida a impulsar a comunidade científica de San Sebastián a través da integración de novo talento, a difusión do coñecemento científico-tecnolóxico, e o acceso a espazos de encontro para o traballo en rede vinculado a I+D+i.

Pola tarde trasladáronse a Miramón onde puideron coñecer FABRIKA, o primeiro Centro de Alto Rendemento deseñado para a Transición Cultural das Organizacións e a Rede de Parques Tecnolóxicos de Euskadi.

Tras esta visita, foron trasladados a Elgoibar para que puidesen coñecer o modelo cooperativo vasco visitando a cooperativa DANOBAT pertencente á Corporación Mondragón e líder mundial no sector de máquina ferramenta da man de Debegesa, axencia comarcal situada no baixo Deba. O programa de visitas finalizou no Museo da Industria Armeira, un equipamento museístico de carácter municipal cuxo principal obxectivo é a conservación e difusión da memoria histórica e o patrimonio industrial dun pobo de gran tradición armeira, ofrecendo ao visitante un percorrido polo devir da historia industrial eibarresa, desde o século XIV ata os nosos días.

Hoxe, día 6 de outubro, a xornada comezará en Ficoba onde se lles dará a benvida desde o Concello de Irún e coñecerán o modelo de gobernanza colaborativa de Gipuzkoa, coñecendo o caso da comarca do Bidasoa xa que a situación transfronteiriza da comarca e a cooperación entre ambos os lados da fronteira dan outra dimensión ás actuacións actuais e de futuro.

Presentarase o BDCC (Basque District of Culture and Creativity), iniciativa para as Industrias Culturais e Creativas (ICCs) de Euskadi que nace co obxectivo de axuntar e fortalecer as diferentes iniciativas públicas e privadas que teñen como obxectivo desenvolver as Industrias Culturais e Creativas en Euskadi e para acabar visitarán o Centro de Interpretación do Bidasoa a pé de Puente Avenida (ponte peonil que conecta con Francia e desde o que se pode ver toda a actualización doutro proxecto europeo de construción de pista ciclista que une todo o Atlántico).

REDEL

REDEL, a Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, da que o concello de Santiago de Compostela é socio fundador, xorde como resposta á necesidade que existe de colaborar e traballar entre as axencias locais para ampliar os coñecementos adquiridos pola experiencia de cada socia/o e innovar e desenvolver proxectos conxuntamente, así como exercer un lobby. Naceu no ano 2008 como unha Rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, a xestión do coñecemento e a colaboración, buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvemento local e a súa proxección a nivel internacional.

REDEL, por tanto, está formada por un conxunto de Axencias de Desenvolvemento Económico Local e organizacións que promoven o seu traballo en rede en distintos territorios españois, e ten a vocación de constituírse nun referente para este tipo de entidades, as instancias políticas que as apoian, os profesionais que forman parte delas e, en xeral, os diversos actores que interveñen no deseño e a xestión das políticas de desenvolvemento económico local no noso país.

En REDEL quérese recalcar o importante papel que as políticas de desenvolvemento económico local viñeron desempeñando no tres últimas décadas no noso país en ámbitos como a promoción do espírito emprendedor entre a poboación; a mellora das posibilidades de acceder a un emprego, especialmente para colectivos desfavorecidos; o fortalecemento dos sistemas produtivos locais; a dinamización comercial e turística dos nosos municipios, comarcas e provincias; entre moitos outros. A proximidade ao territorio, ás persoas e ás empresas que viven, móvense e levan a cabo as súas actividades nel, das entidades que despregamos estas políticas foi, é e será a clave principal dos éxitos conseguidos.