• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello anima a veciñanza a apostar polo consumo de proximidade coa campaña "Compra no teu barrio"
Data de escritura

A concellería de Promoción Económica pón en marcha unha campaña de dinamización comercial co obxectivo de animar á veciñanza a mercar nos establecementos locais. A acción enmárcase na programa "Aposta por ti. Aposta polo teu barrio", financiada con fondos europeos da EDUSI.

Unha das imaxes da campaña
Outra imaxe da campaña

"Compra non teu barrio. A Compostela dos barrios construímola entre todas e todos", é o lema da campaña que inclúe a emisión de cuñas radiofónicas nas principais emisoras locais, anuncios nas redes sociais, e tamén a distribución de 10.000 folletos, 500 carteis e varios muppies nas paradas de autobús.

A acción centralízase nos barrios de Sar, Santa Marta, San Lázaro e a Peregrina, que son as zonas da cidade nas que se desenvolveu o programa "Vitamina B de Barrio". Ao seu abeiro, véñense desenvolvendo diferentes accións formativas e de concienciación, dirixidas a persoas emprendedoras, comerciantes en activo que queiran mellorar os seus negocios e á cidadanía en xeral. Así, celebráronse aulas sobre cuestións como mercadotecnia, finanzas ou comunicación, titorías personalizadas para os e as participantes, e está prevista tamén a elaboración de pílulas informativas para afondar en temáticas como o traballo en equipo, a resolución de conflitos, ou a xestión dos custos e dos ingresos dun negocio.

A campaña de difusión que vén de iniciarse completa a actuación, que forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80%, sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.