• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Entregados os II Premios á Excelencia Empresarial

Data de escritura

Unha ducia de empresas de Santiago foron recoñecidas hoxe cos II Premios de Excelencia Empresarial convocados polo Concello de Santiago. Os galardóns foron entregados esta tarde nun acto celebrado no Pazo de Raxoi, que estivo presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa e concelleira de Promoción Económica, María Rozas.

Foto de familia da Corporación municipal cos gañadores
Intervención da alcaldesa
Intervención María Rozas

No acto, a alcaldesa salientou que as empresas premiadas demostran que "acadar a excelencia empresarial non é doado, mais tampouco é nin unha idealización nin unha utopía; que compatibilizar a rendibilidade económica, ambiental e social é posible". Goretti Sanmartín incidiu en que estes galardóns demostran que "todas e todos temos capacidade para construír, cada quen desde o seu ámbito, o modelo de sociedade, de cidade e de Concello e, mesmo, de planeta que queremos legarlle a xeracións futuras", e por iso incidiu en que "é un orgullo identificar todas estas iniciativas empresariais co nome de Santiago de Compostela".

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa sinalou que "as empresas que hoxe recoñecemos son os espellos nos que queremos mirarnos para avanzar cara un novo modelo económico socialmente responsable e sostible que, ademais, é o que garante un maior crecemento". María Rozas reiterou a aposta do Concello de Santiago por avanzar no crecemento empresarial "desde a diversificación e a innovación, apostando pola economía social como fórmula de emprendemento colectivo e responsable, aproveitando o talento que emana da Universidade, e da man das entidades empresariais de Compostela".

Premios en sete categorías

O obxectivo dos Premios á Excelencia Empresarial é recoñecer as empresas que se tiveran distinguido polas súas boas prácticas no campo da conciliación, a economía circular, a innovación, a comercialización en productos e servizos culturais, o cumprimento dos retos da Axenda Urbana 2030, a economía social ou a atracción e retención do talento. Os premios en cada unha desas categorías están dotados con 6.000 euros, e tamén se entregaron mencións, cunha achega de 2.000 euros.

Na categoría de "Boas prácticas en materia de conciliación", o premio recaeu na sociedade cooperativa Gaia dos Nenos, un lugar adicado á maternidade consciente e á crianza respectuosa. Tamén se entregou unha mención nesta categoría a Recursos Galicia, unha empresa de servizos de consultoría e formación para empresas, organizacións e administracións públicas.
Na categoría de "Boas prácticas en materia de economía circular", o xurado declarou deserto o premio, mais sí se entregou unha mención a Cristina Gil Jorge polo proxecto Xarxa, para a venda polo miúdo de produtos de vestido, accesorios, e bisutería creativa e artesanal.

A empresa Diversa Technologies SL, unha spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e o Servizo Galego de Saúde, resultou premiada na categoría de "Boas prácticas en materia de ciencia e innovación", pola innovadora tecnoloxía na que traballa para favorecer o desenvolvemento de novos medicamentos. Nesta categoría tamén se entregou unha mención á empresa Sistemas Audiovisuales Itelsis SL.

Na categoría de "Boas prácticas en innovación en comercialización de produtos e servizosculturais", a gañadora do premio foi Illa Bufarda Sociedade Cooperativa Galega, especializada en linguaxe audiovisual para a comunicación cultural; e a mención recaeu en Raquel Senra Fernández, pola súa marca Árbore Azul, especializada en servizos de tradución, ilustración e promoción da lectura.

A empresa TRAMEVE, Tratamiento Medioambiental de Vehículos S.L, foi merecedora do premio de "Boas prácticas de empresas de economía social" polo seu traballo para poñer en uso pezas de vehículos sinistrados ou que chegaron ao fin da súa vida útil.

Na categoría de "Boas prácticas que identifican estratexias que apostan por atraer, reter ou mellorar o talento", a distinción foi para Comunidade Creativa Sociedade Cooperativa Galega polo proxecto Creativas Galegas que permitiu a creación dun espazo físico de venda conxunta especializado en cultura, arte, artesanía e creatividade.

Por último, a empresa Inforhouse S.L, resultou premiada na categoría de "Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030". Trátase dunha empresa con 80 traballadores e traballadoras e unha facturación anual que supera os 8 millóns de euros, que tén demostrado o seu compromiso en áreas como a calidade, a xestión medioambiental e a conciliación.

O xurado dos II Premios de Excelencia Empresarial estivo presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e integrado por Sandra Becerra, en representación da Cámara de Comercio; José Manuel Beceiro, pola Asociación Área Empresarial do Tambre; Ángeles Barreiro, en representación de Espazo Coop; Eva López Barrio, pola Universidade de Santiago; María Cadaval, en representación da dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago; e Carme Casado, do departamento de Desenvolvemento Local do Concello de Santiago.