O edificio do Cersia acollerá o 25 de maio unha xornada sobre compostaxe
O Concello organiza o vindeiro sábado 25 de maio unha xornada sobre compostaxe dirixida a todas as persoas interesadas en adquirir coñecementos e resolver dúbidas sobre a xestión da materia orgánica. A xornada, con asistencia de balde previa inscrición, foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez.
O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, explicou que esta xornada está pensada "para todas aquelas persoas que desexen aprender, adquirir coñecementos, mellorar a xestión da materia orgánica e as boas prácticas ambientais e resolver dúbidas que se poidan ir xerando ao xestionar os composteiros individuais".
Xesús Domínguez destacou que "contamos xa con máis de 1.500 familias en todo o Concello que están compostando ben nunha parcela, ben nunha horta pequena toda a fracción de materia orgánica que se xenera nunha vivenda que pode estar arredor do medio quilo por habitante e día". Ademais, o Concello conta con 10 illas de compostaxe comunitario "que se van ampliar en breve" e "máis de 4.500 persoas que, a través do programa 'Ti tes a chave' e nos colectores marróns tamén están separando a fracción de orgánico". "Esto danos cifras de arredor de 400 toneladas que xestionamos de materia orgánica nos composteiros individuais, e doutras tantas nos contedores", detallou o edil.
Xesús Domínguez tamén recordou que "desde o Goberno local apostamos por promover políticas sobre responsabilidade ambiental para favorecer a sustentabilidade e a protección da natureza" e unha destas vías é a práctica da compostaxe entre a veciñanza xa que "conseguir un Santiago Sostible é algo colectivo" e "a fracción orgánica representa case a metade en peso do lixo que xeramos cada día e permite a reciclaxe en proximidade".
Programa da Xornada
A Xornada de compostaxe terá lugar o sábado 25 de maio no edificio do Cersia e o programa ofrecerá varias charlas arredor da compostaxe na casa, da xestión da materia orgánica en Compostela así como da agro compostaxe coa participación da granxa Millo e Landras. A xornada pecharase cun debate entre as persoas asistentes para intecambiar coñecementos e resolver dúbidas.
Durante a xornada, para facilitar a conciliación familiar para nais e pais que se inscriban neste evento, haberá obradoiros ambientais para a cativada coa idea de iniciar un programa de sensibilización ecolóxica, con bos hábitos, xa desde a infancia.
Todas as persoas interesadas en asistir a esta xornada, deberán inscribirse na web de Santiago Sostible, neste FORMULARIO, enviando un correo a info@santiagosostible.gal ou a través da 618 004 110. A participación neste evento é de balde.