A campaña "12 comercios, 12 sensibilidades" pon en valor o produto fresco e de proximidade
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, visitou esta mañá na Praza de Abastos o establecemento "Cousas do Campo", protagonista de setembro na campaña "12 comercios, 12 sensibilidades". Ao longo deste mes, o establecemento de froitas e verduras está dando a coñecer o mercado labrego semanal "Daquí darredor", e poñendo en valor os produtos frescos e de proximidade.



Ao longo de todo o mes, "Cousas do Campo" organizou degustacións de produtos como marmeladas, zumes ou galletas elaboradas con produtos de proximidade, que se poden atopar en "Daquí Darredor". Este é un mercado labrego semanal que se celebra en Brión, e desde o que se impulsan diferentes actividades paralelas que teñen como obxectivo que os consumidores e consumidoras coñezan de primeira man como se producen os alimentos.
A campaña "12 comercios, 12 sensibilidades" foi impulsada por un grupo de mulleres comerciantes da cidade, en colaboración coa concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, co obxectivo de tecer rede e darlle visibilidade a diferentes entidades solidarias que traballan en Santiago. No marco desta iniciativa, cada mes é un establecemento o que difunde unha causa social ou solidaria, coa colaboración sempre das outras tendas participantes.
A concelleira María Rozas reiterou a súa satisfacción pola marcha da campaña, "polo seu contido social, pero tamén porque pón en valor un modelo de comercio de proximidade que temos que seguir potenciando".