Santiago presenta un proxecto de 20 millóns de euros para transformar o norte da cidade con equipamentos e proxectos de mellora ambiental, urbana, social e cultural
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este martes o Plan de acción integral (PAI) Horizonte Compostela co que o Concello aspira a captar fondos europeos Feder da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) para proxectos de transformación cruciais no norte da cidade. Santiago aspira a un máximo de 20 millóns de euros, dos cales 12 (o 60%) serían a parte da axuda europea e os 8 millóns restantes cofinanciamento municipal. O plan inclúe tres grandes proxectos co foco posto na sustentabilidade, a accesibilidade e a inclusión, que buscan impulsar unha das zonas menos favorecidas da cidade. Na rolda de prensa, a alcaldesa estivo acompañada da primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas.
O PAI Horizonte Compostela inclúe 13 actuacións concretas integradas en tres proxectos e nunha estratexia global que busca “crear sinerxías entre os distintos elementos, facendo que haxa unha especie de cosmos particular cunha intervención integral”, defendeu a rexedora. O primeiro, Santiago transforma, enfócase na creación de novos equipamentos sociais, culturais e deportivos e na vivenda dotacional; o segundo, Santiago Accesible, oriéntase á accesibilidade urbana, desde un punto de vista integral; e o terceiro, Santiago Resiliente, céntrase na adaptación ao cambio climático.

As actuacións responden a necesidades funcionais e xerarán contornas máis habitables, resilientes e socialmente equitativas, contribuíndo de maneira significativa aos desafíos que propón a Axenda Urbana “Esperamos poder conseguir a maior cantidade posible dos fondos solicitados, destes 12 millóns para un investimento de 20 e agardamos con iso poder dar un salto nunha transformación que sen lugar a dúbidas será crucial para Compostela”, proclamou Goretti Sanmartín. Na mesma liña, a tenenta de alcaldesa reivindicou que este programa “permitirá unha transformación que vai na liña do modelo de cidade que defendemos, que é reflexo das prioridades que nos fixamos como Goberno: unha aposta por un Santiago máis sustentable, máis accesible, máis igualitario, e con novos equipamentos estratéxicos que non son un fin en sí mesmos senón que entendemos como un instrumento para impulsar políticas públicas diferenciadoras”
A alcaldesa e a tenenta de alcaldesa explicaron que a convocatoria requiría que as actuacións contempladas no proxecto estiveran concentradas territorialmente, priorizando barrios desfavorecidos, e a elección da zona norte responde a indicadores recollidos na Axenda Urbana de Santiago, polo que se abre “un espazo de oportunidade para corrixir as desigualdades”.. Nesa liña, María Rozas apuntou que os informes do departamento de Servizos Sociais tamén reflicten que nesta área “as rendas por fogar están por debaixo da media municipal, a poboación está notablemente envellecida pero, ao tempo, a porcentaxe de poboación menor de idade está por riba da media de Santiago”. Ademais, é unha área con menores dotacións e infraestruturas con respecto a outras zonas da cidade, unha menor compactidade da trama urbana e carencias de accesibilidade.
Santiago Transforma
Goretti Sanmartín referiuse, no proxecto Santiago Transforma, cuantificado en 9,6 milóns en total, á creación de vivendas dotacionais en Caramoniña, unha actuación que consiste na rehabilitación das edificacións de propiedade municipal situadas na rúa Caramoniña e que teñen como destino a vivenda dotacional.
Dentro deste proxecto, a alcaldesa destacou tamén a construción dun novo equipamento deportivo multiusos, unha infraestrutura deportiva cun deseño sustentable e eficiente enerxeticamente, estruturado en dous niveis totalmente accesibles para optimizar a súa funcionalidade. O primeiro nivel estará dedicado a pavillón deportivo e o segundo contará con espazos deportivos multidisciplinares. A previsión é que se sitúe no espazo dotacional adxacente á Factoría e aspira a actuar como peza urbana de costura, resolvendo os desniveis existentes entre a avenida da Coruña e Salgueiriños.
Con respecto á Factoría, María Rozas explicou que será un espazo para facilitar a integración efectiva da mocidade na vida comunitaria, desde unha perspectiva de inclusión laboral, cultural e socioeconómica. A tenenta de alcaldesa lembrou que a proposta pasa por rexenerar un espazo degradado como é o do fallido parque de bombeiros, e acondicionar un edificio de máis de 4.500 metros cadrados divididos en tres plantas, con espazos abertos e polivalentes dedicados a diferentes usos como salas de ensaio, sala de concertos, espazos para a realización de talleres, coworking, incubadora cultural, biblioteca… Tal e como indicou, “ainda que a Factoría está destinada fundamentalmente á mocidade, estableceránse sinerxías con outros colectivos e outras propostas, nomeadamente do ámbito da cultura”. Neste sentido, neste mesmo Plan de Acción da EDIL incorpóranse un programa de incubación de industrias culturais e creativas dirixido ao sector profesional e un programa de dixitalización para a mocidade e persoas maiores, que tamén se podería desenvolver no mesmo espazo.
Santiago Accesible
O proxecto Santiago Accesible (7 millóns) destaca pola instalación dun elevador para mellorar a accesibilidade ao barrio da Almáciga, previsto na intersección das rúas do Pino e de Touro, na súa parte alta, para conectar coa rúa de Ánxel Casal na súa parte baixa, como explicou a rexedora municipal. Ademais, Goretti Sanmartín explicou o proxecto para a reurbanización da praza de Ultreia e da súa contorna, con criterios de sostibilidade, accesibilidade e seguridade, recuperando a praza, potenciando o espazo de relacións e mellorando os percorridos peonís e as zonas verdes e de estancia.
Dentro desta liña de accions a tenenta de alcaldesa explicou o proxecto para a reurbanización da Avenida do Cruceiro da Coruña, “que se convertirá nun corredor ecolóxico urbano”. Para iso, apuntou Rozas, faráse unha nova distribución da vía, eliminando dous carrís, incorporando un carril bici e acondicionando zonas de estancia, “dándolle continuidade ademais á transformación que suporá a actuación do chamado conector central que chega ata o ámbito dos Basquiños”.
Tamén no proxecto Santiago Accesible inclúese a apertura dun novo viario de acceso ao barrio da Almáciga desde os Basquiños, conectando coa rúa Arzúa. Trátase dun viario que está previsto no PXOM desde 1989, e que mellorará notablemente a mobilidade na Almáciga.
Santiago Resiliente
Finalmente, Goretti Sanmartín destacou o proxecto marco Santiago Resiliente, con 3,3 millóns de euros en accións, inclúe a rehabilitación do colector de pluviais da avenida de Lugo para previr as inundacións nos puntos máis baixos, así como dous proxectos de renaturalización do río Corgo, na zona de Salgueiriños e de Vite. No primeiro destes puntos, ao carón da rúa Manuel María, recuperaráse un pequeno tramo do río que está soterrado, e melloraráse toda a contorna, incrementando o espazo destinado á veciñanza. En Vite, trátase de descanalizar o río Corgo, que actualmente discorre a través dun encofrado de cemento, e de renaturalizar as súas marxes
Prazo de execución 2029
O PAI Horizonte Compostela ten un prazo de execución comprendido entre 2024 e 2029 e concreta algúns dos obxectivos incluídos na Estratexia de desenvolvemento integrado local-Axenda urbana Santiago de Compostela (EDIL-AUS) aprobada polo pleno municipal en setembro de 2022, referidos a aspectos como o acceso á vivenda, conservación do patrimonio natural, fortalecemento dos ecosistemas sociais e culturais ou saneamento e abastecemento, entre outros.