• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” pon o foco este mes na saúde e na economía circular

Data de escritura

A campaña "12 Comercios, 12 Sensibilidades" chega en abril á tenda de alimentación D´Aldea, que hoxe recibiu a visita da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. O establecemento colabora con Abeiratúa, unha asociación dedicada a mellorar a calidade de vida das persoas con cancro a través do exercicio físico e o apoio integral.

María Rozas salientou tamén a calidade das tendas de proximidade, “da que é un claro exemplo D´Aldea

Na visita, a concelleira volveu poñer en valor a campaña “que segue demostrando o enorme valor engadido que tén o pequeno comercio de Santiago e a súa vertente solidaria e capacidade para construír comunidade”. María Rozas salientou tamén a calidade das tendas de proximidade, “da que é un claro exemplo D´Aldea que ademais traballa produtos ecolóxicos e de proximidade que tamén debemos reivindicar”. Por último, agradeceu o traballo que desenvolve Abeiratúa na atención a pacientes oncolóxicos, “que precisan de todo o acompañamento e de actividades como as que desenvolve a asociación para mellorar o seu estado físico pero sobre todo a súa saúde psicolóxica e emocional, unha parte á que ás veces non chega a atención prestada desde a sanidade pública”. Na visita participaron Noemí Sanmartín, de Abeiratúa; e Raquel Ríos, dw D’ Aldea.

Mes cheo de actividades

Durante todo o mes, D’Aldea conta cun punto informativo e de venda de produtos solidarios, cuxa recadación irá destinada a Abeiratúa. A programación inclúe actividades abertas á cidadanía que combinan información, benestar e conciencia social. Así, están previstas dúas charlas nas próximas semanas na sede de Abeiratúa: o próximo venres sobre “Nutrición en Cancro de Mama”, que será impartida por Elena Marcos a partir das 18:00; e o día 28 de abril, sobre “Que pode facer a fisioterapia en oncoloxía”, a cargo de Pilar García. Ademais, do 21 ao 27 de abril desenvolveráse o reto “7 días saudables”, con propostas de receitas e exercicio en liña.