• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A alcaldesa Goretti Sanmartín reivindica Santiago como lugar de encontro, innovación e futuro económico no peche da asemblea da CEG

Data de escritura

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, participou esta mañá no acto de peche da Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), unha ocasión que cualificou como “de grande importancia” para volver reforzar a conexión entre o concello e o tecido empresarial do país.

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín e Empresarios de Galicia

No seu discurso, a rexedora destacou o papel de Compostela como “lugar de acollemento e encontro”, subliñando a singularidade que este concello ofrece ao turismo e aos ámbitos científico, técnico e empresarial. “Temos a infraestrutura e o ecosistema axeitado para acoller eventos de alto nivel, e a Universidade de Santiago de Compostela, as administracións e o tecido social xogan un papel esencial neste contexto”, afirmou en referencia a todos os mencionados sectores.

Goretti Sanmartín salientou a necesidade de avanzar cara a un novo modelo económico que prime a calidade, a diversificación e a sustentabilidade. “As empresas terán máis oportunidades na medida en que saibamos desestacionalizar, descentralizar e ofrecer calidade para que quen chega a Compostela, queira quedar”, sinalou.

Neste sentido, puxo en valor proxectos estratéxicos como o Biopolo da Sionlla e a construción dunha plataforma loxística de última milla, que sexa xermolo para fortalecer as conexións entre os polígonos empresariais e os mercados internos e externos. A alcaldesa lembrou tamén o recente acordo do Pleno do Concello para instar ao Goberno do Estado a financiar o Orbitaliño, unha infraestrutura clave para a mobilidade e o desenvolvemento industrial da comarca.

Durante a súa intervención, Sanmartín fixo fincapé na aposta do Goberno municipal pola diversificación económica. “Temos proxectos imaxinados desde a realidade do país e con visión de futuro. Compostela é unha cidade que converte a imaxinación en realidade tanxíbel”, expresou, tras lembrar que por primeira vez Santiago acadou os 100.000 habitantes.

A alcaldesa concluíu transmitindo unha mensaxe de confianza. “Está sendo posible impulsar vivenda pública, mellorar o espazo urbano e deseñar unha nova mobilidade. Se cremos en nós, todo é posíbel. Compostela ten clara a estrela que a guía”.