Grandes superficies, pequeno comercio e iniciativas de comercio eco-social danse a man no edificio CERSIA para repensar un novo modelo de comercio máis integrativo, inclusivo, sustentable e rendible.
“Son do comercio, a moita honra”. Esta é a frase que mellor podería resumir as dúas horas de intervencións que algúns dos axentes do comercio local compartiron esta mañá no @cersiaempresa da man de Promoción Económica.


Santiago – afirmaron – é unha cidade de tradición comercial que debe recuperar a súa tracción no que ao comercio se refíre. Para iso, débese continuar a revalorizar a actividade comercial, adaptar os comercios ás novas demandas e investir en políticas económicas que devolvan á capital de Galicia parte do músculo financeiro perdido.
Seguramente todo empeza por investir nunha educación económica que, desde idades temperás, conciencie á poboación da importancia e do valor do comercio para unha cidade como Santiago; unha urbe que necesita ao turista, pero que tamén precisa definir unha oferta de bens e servizos acorde coa nova demanda da súa cidadanía.
Neste contexto, sería bo poder definir o novo arquetipo do consumidor/a local para coñecer con precisión as súas necesidades, os seus intereses e as súas demandas.
Porque máis aló da catedral, do camiño e do turismo, Santiago sempre foi un referente de oficios, universidade e comercio. A pregunta é: Que somos hoxe e que queremos ser? Debemos aspirar a unha cidade do século 21 coas ferramentas, os arquetipos e o comercio do século 21. E nese contexto, a profesionalización, a atención, a especialización e a coopetición serán claves para definir un novo modelo de comercio.
Participaron neste encontro exemplos de inserción como Arroupa; modelos de ecoalimentación como A Horta de Saúde, Seiva de Abril ou Xearte Brigitte; estruturas asociativas garantes dá pervivencia de oficios tradicionais como Ourives de Compostela; propostas de coopetición como Creativas Galegas, Comercio Punto Compostela ou ADEN así como as grandes superficies, como El Corte Inglés.
Porque se algo quedou claro nesta mañá de intercambio e traballo é que valor, adaptación, cambio e coopetición son catro patas fundamentais sobre as que temos que asentar o comercio do futuro e o futuro do noso comercio.