• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

María Rozas reivindica o “emprendemento sostible e con propósito” na apertura do programa Faino en Santiago

Data de escritura

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude reivindicou hoxe “un modelo económico máis sostible e máis xusto socialmente”. Foi no acto de apertura do programa “Faino en Santiago”, impulsado polo departamento de Promoción Económica para acompañar a persoas emprendedoras no desenvolvemento das súas iniciativas empresariais. María Rozas mostrouse convencida de que “desde o local e desde os pequenos proxectos tamén se poden facer grandes achegas para termos un mundo mellor”.

Panel institucional: «Situación, retos e oportunidades do emprendemento en Compostela».
Un momento do panel institucional no que participaron a Xunta de Galicia e Espazo Coop
No programa participan 30 persoas
A Concelleira nun momento da apertura

O programa “Faino en Santiago” é unha iniciativa do departamento municipal de Promoción Económica que ten como obxectivo construír unha economía máis próxima e xusta a través do apoio a proxectos que sexan sostibles económica, social e ambientalmente. A actividade comezou cunha mesa de debate na que participaron a concelleira María Rozas, a directora xeral de Emprego Autónomo e Economía Social da Xunta, Marta Mariño; a técnica de EspazoCoop, Rosa Álvarez Bernárdez; e a técnica do departamento municipal de Promoción Económica, Carme Casado.

A tenenta de alcaldesa expresou a vontade do Concello de Santiago de acompañar ás persoas que desexen emprender, “e facelo ademais cun programa novidoso no que participan persoas que tamén foron emprendedoras, que estiveron onde estades vós e que pasaron polas mesmas dúbidas e os mesmos medos”. María Rozas sinalou que “non idealizamos o emprendemento porque sabemos das súas dificultades e que non é sempre sinónimo de éxito, e o que facemos é achegar as ferramentas precisas para abordar o proceso coas maiores garantías”. 

O programa “Faino en Santiago”, no que se inscribiron 30 persoas con 30 proxectos diferentes, bota a andar coas xornadas presenciais que se celebrarán ata o día 11 no edificio Cersia de San Lázaro. Son tres días intensivos con obradoiros prácticos, paneis de experiencias e dinámicas grupais. Despois, o programa continuará con actividades de formación en liña e de acompañamento individualizado, que se desenvolverán desde o 12 de xullo ata o 30 de outubro. Serán sesións grupais e titorías personalizadas, de apoio ás persoas inscritas no deseño e planificación do seu proxecto. Os días 15, 22 e 29 de xullo; o 5 de agosto e o 16 de setembro están previstas ademais sesións de formación grupal, que se desenvolverán en horario de mañá pero que serán gravadas para que as persoas participantes poidan volver velas cando o precisen. 

Por último, do 12 de xullo ao 30 de outubro, haberá tamén sesións para o acompañamento ou a resolución de dúbidas. 

O programa, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica, está a ser desenvolvido pola cooperativa Falar a Mare.