Artistas visuais, bailaríns, músicos, arquiveiros, técnicos de imaxe e son, organizadores de eventos, editores, artesáns e empresariado do sector cultural reúnense no CERSIA para reflexionar sobre o emprendemento e consolidación empresarial
A colaboración, a descentralización, as sinerxias e a desestacionalización son ineludibles se queremos aspirar á excelencia cultural



Foron dúas horas de achegas constantes para tratar de mapear a realidade actual e futura do ecosistema cultural nunha cidade singular que vén de ser capital europea da cultura en 2000 e debe aspirar a converterse en Ciudad Creativa e Literaria da UNESCO. Unha urbe con máis de dez editoriais solventes non debe contentarse con menos!
Conscientes de todo o noso patrimonio e do seu potencial, debemos ingresar na era da intelixencia artificial asumindo novos retos, abrazando a soberanía municipal que merecemos e apostando pola consolidación do amplo tecido empresarial cultural do que dispoñemos. Emprender, si. Pero manter é fundamental.
Debemos ser capaces de “regular” moi ben o noso turismo, as nosas oportunidades e a maridaxe pública-privada para tratar de mellorar os sistemas de garantías que permitan un desenvolvemento cultural moito máis solvente, consciente e consistente. Para iso, debemos fortalecer a actividade cultural nos barrios, apostar polo desenvolvemento de ferramentas de amplificación das accións culturais da cidade e investir en canles de información claros, centrais e aglutinadores de toda a oferta local. E todo iso, sen esquecer a profesionalización, a educación cultural desde idades temperás, contando coa rede de CSC como dinamo, e o coidado dos artistas, tanto os consolidados como os emerxentes.
Seguramente todo o anterior esixa clarificar un roteiro claro, preciso, recoñecido e recoñecible que, unha vez consensuado polos axentes culturais, sexa capaz de deseñar un futuro mellor para todas as persoas do noso ecosistema cultural.