#FeitoCoaEconomíaSocial: comeza a campaña de comunicación do Plan de Acción para a Economía Social nos Barrios de Compostela
O departamento de Promoción Económica do Concello de Santiago vén de poñer en marcha a campaña #FeitoCoaEconomíaSocial, unha iniciativa de comunicación integrada no proceso de elaboración do Plan de Acción para a Economía Social nos Barrios de Compostela. A campaña ten como obxectivo visibilizar as experiencias das entidades que conforman o ecosistema local de economía social, destacando o seu papel na xeración de emprego digno, cohesión social e transformación dos barrios.

Os vídeos amosan de maneira accesible como a economía social cobra forma a través de iniciativas con impacto real e sostido no tempo. Desta maneira, a campaña convida a coñecer de preto a diversidade de proxectos que fan cidade desde os valores da cooperación, a equidade e a sostibilidade.
A primeira das pezas audiovisuais está dedicada á cooperativa Cidadanía, unha entidade de referencia na promoción da democracia participativa en Galicia. Fundada en 1999, traballa en ámbitos como a investigación social, a consultoría pública e a dinamización comunitaria, apostando por modelos de gobernanza inclusivos e pola articulación entre administracións, tecido asociativo e cidadanía. A cooperativa foi galardoada nos III Premios á Excelencia Empresarial que impulsa o departamento de Promoción Económica do Concello de Santiago, na categoría de “Boas prácticas de empresas de economía social”.
Nas vindeiras semanas, a campaña continuará coa difusión de vídeos centrados noutras entidades da economía social compostelá, como a cooperativa cultural Numax; a cooperativa gráfica Sacauntos; a empresa de inserción laboral Arroupa; a cooperativa artesanal Rayados (que traballa baixo o nome comercial Sangiovanni Lorenzo); e o centro especial de emprego Entrelampo. A través de ámbitos tan diversos como a cultura, o deseño, a economía circular ou a agroecoloxía, estas iniciativas amosan como a economía social é xa unha realidade transformadora nos barrios de Santiago
A campaña #FeitoCoaEconomíaSocial enmárcase no proceso participativo para o deseño do Plan de Acción da Economía Social nos Barrios, unha folla de ruta impulsada polo Concello no marco da estratexia Feito en Santiago 2025 e da EDUSI Compostela, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Con esta iniciativa, Santiago sitúase á vangarda das políticas locais inclusivas, recoñecendo o papel das entidades de economía social como motor de desenvolvemento máis xusto, resiliente e centrado nas persoas. A economía social é motor de transformación local e así o recolle a Axenda urbana 2030 de Santiago de Compostela, iniciativa de planificación estratéxica na que se enmarca toda a actividade en materia de promoción económica do CERSIA Empresa.