O Concello organiza un ciclo de actividades formativas para mellorar o tecido empresarial de Santiago
O departamento municipal de Promoción Económica pon en marcha un novo ciclo de actividades formativas dirixidas a empresas e profesionais co obxectivo de mellorar o tecido empresarial de Santiago. Serán máis de medio cento de cursos e preto de 500 horas de formación, tanto presencial como telemática, e totalmente de balde. As actividades comezarán o próximo día 23, e o prazo de inscrición xa está aberto.

As accións formativas fan parte do programa “Faino en Santiago”, que impulsa a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude co obxectivo de mellorar o grao de coñecemento e actualizar as materias útiles para os procesos de xestión empresarial e laboral do tecido empresarial de Compostela. As actividades están especialmente dirixidas ao persoal directivo, de xerencia, propietarias e persoal laboral de empresas que teñan a súa sede e un centro de actividade no Concello de Santiago. Poderán participar tanto persoas en activo como en situación de desemprego.
Oito grandes áreas de formación
Neste ciclo ofértanse un total de 51 actividades que inclúen cursos de teleformación, pílulas autoformativas, obradoiros prácticos, encontros informais e visitas a empresas. En total serán máis de 470 horas de formación divididas en 8 grandes áreas: xestión empresarial e novidades lexislativas; xestión económica-financeira das PEMES; comercialización e marketing; economía circular; dixitalización e redes sociais; incorporación da perspectiva de xénero na xestión empresarial; xestión de persoas e visitas a empresas.
Na web de FAINO EN SANTIAGO 25 pódese consultar a información e facer as inscricións nestas accións formativas.
As primeiras accións formativas darán comezo o vindeiro 23 de setembro e as persoas interesadas xa poden inscribirse nas actividades programadas a través da web do programa.
A realización das accións formativas non terán suporá custe para as persoas participantes que recibirán un certificado de aproveitamento por cada formación realizada.