O Pleno debatirá ampliar as bonificacións do IBI e do ICIO para as promocións públicas e gravar máis as vivendas desocupadas de propietarios con catro ou máis inmobles
O Pleno da Corporación municipal debatirá o xoves desta semana, na súa sesión ordinaria, un expediente ‘paraugas’ que unifica as regras de cobro (homoxeniza os prazos, por exemplo) e modifica varias ordenanzas coma a do IBI e do ICIO. Unhas das novidades reside nas bonificacións para as vivendas de promoción pública no IBI e no ICIO, mentres que se gravará máis os inmobles desocupados que permanezan nesa condición durante dous ou máis anos e cuxa propiedade sexa titular de catro ou máis inmobles.

A proposta de ordenanza recolle que o aumento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que o Concello aplicará ás vivendas baleiras afectará unicamente “a aquelas que levan máis de dous anos desocupadas sen causa xustificada e que pertencen a propietarios con catro ou máis inmobles”. Esta medida, como explicou o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, “está encamiñada a mobilizar o parque de vivendas existente".
Para aplicar esta medida, o Concello terá que elaborar un censo dos inmobles desocupados con carácter permanente en Santiago, para o cal se baseará en indicios dos consumos e do padrón de habitantes.
No tocante ás bonificacións, o proxecto de ordenanza que se someterá a pleno contempla unha ampliación da redución do IBI para as vivendas de protección. Actualmente esta bonificación beneficia ás Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e agora, como novidade desta ordenanza, proponse estender ás Vivendas de Promoción Pública (VPP).
Concretamente, a ordenanza inclúe que todas as vivendas protexidas terán unha bonificación do IBI do 50% nos tres primeiros anos. No caso das VPA será do 35% nos dez seguintes (como está previsto actualmentel) e no caso da VPP será do 45% nos dez anos seguintes, sempre que manteñan a súa titularidade pública e se destinen ao alugueiro.
No Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) tamén se estenderá a bonificación do 50% da VPA á VPP. Ademais, as obras de especial interese ou utilidade social por circunstancias sociais ou histórico-artísticas terán ata o 95% de redución, co obxectivo de incentivar a rehabilitacións de edificios residenciais catalogados, tanto no casco histórico como no resto da cidade.
Así mesmo, terán unha bonificación de ata o 95% as VPA con cualificación permanente e as VPP que estean en solo de núcleo rural ou urbano ou en ámbitos urbanizados sen completar. Nese 95% por interese social tamén tamén se inclúen as construcións de uso residencial promovidas por cooperativas de vivenda en cesión de uso sen ánimo de lucro.