María Rozas visibiliza en Maravalla o compromiso social do comercio local de Santiago
A concelleira de Promoción Económica, María Rozas, visitou este mércores a tenda de cosmética natural Maravalla, que colabora co Refuxio de Bando, no marco da segunda edición da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”.
Trátase dunha iniciativa na que participan unha ducia de comerciantes de Santiago para darlle visibilidade a outras tantas entidades solidarias. O programa conta coa colaboración da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta hoxe das actividades que se están a desenvolver este mes no marco da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, acompañada de Ana Porto, responsable de Maravalla, e de Olaia García, directora do Refuxio de Bando. A tenenta de alcaldesa explicou que “repetimos unha colaboración que tivo moi bos resultados na primeira edición da campaña, o ano pasado, e que nos permite dar a coñecer un pouco máis o traballo que se desenvolve no Refuxio”. María Rozas aproveitou para reiterar o agradecemento do departamento de Comercio e do Concello “ás 12 mulleres que impulsan esta campaña, sumándolle moitas horas ás súas longas xornadas de traballadoras autónomas, e dándolle visibilidade a causas xustas que axudan a construír un Santiago mellor”.
Láminas solidarias e recollida de alimentos
Ao longo de todo o mes, Maravalla ten instalado un punto informativo sobre o Refuxio. Ademais, a tenda está a recoller alimentos para os animais e tamén doazóns. Este ano, á colaboración entre Maravalla e o Refuxio súmase o colectivo As Paxaras, mulleres artistas autoras dunhas ilustracións das que se poden mercar reproduccións. Ana Porto explicou que todas as persoas que colaboren na campaña, ben con doazón ou coa compra das ilustracións, participarán no sorteo das láminas orixinais e dun vale de 50 euros para gastar na tenda.
Pola súa banda, Olaia García agradeceu a colaboración, e lembrou que o Refuxio acolle a día de hoxe 500 animais.
Campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”
“12 comercios, 12 sensibilidades” é unha campaña que naceu o ano pasado, impulsada por un grupo de mulleres comerciantes. No que levamos de ano, a campaña chegou en xaneiro á tenda de moda e complementos Cousa Linda, que deu a coñecer os traballos de investigación da delegación da Coruña da Asociación Española contra o cancro. En febreiro, tocoulle á xoiaría José Antonio, que colaborou con Sociedade Internacional de Galicia; en marzo a xoguetería EscondiT difundiu o traballo da Obra Social de Pediatría; e xa en abril, a tenda de alimentación D- Aldea difundiu o labor da Asociación Abeiratúa, que traballa con enfermas oncolóxicas. En maio, a campaña estivo centrada en visibilizar o labor da Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, en colaboración con “La Tienda de María”; e en xuño a campaña estivo protagonizada por Atmósfera Centro Deportivo, que divulgou o traballo de ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Parkinson e ELA. En xullo, a colaboración foi entre ELA Interiorismo e Agadea, e en agosto a libraría Lila de Lilith deu a coñecer o traballo da Casa Comunitaria Aluandé.