O Concello de Santiago celebra o Ano Internacional das Cooperativas reafirmando o seu compromiso “cun modelo económico máis xusto e igualitario”
O Teatro Principal acolleu hoxe o evento “Transformando a cidade dende o cooperativismo”, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e a Unión de Cooperativas Espazocoop con motivo do Ano Internacional das Cooperativas.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa, María Rozas, interviron no acto para confirmar o compromiso do Concello de Santiago “cun modelo económico máis xusto, igualitario e transformador, que debe axudar a construír un mundo mellor”.


A alcaldesa, Goretti Sanmartín, foi a encargada de clausurar o acto. Na súa intervención, a rexedora comparou o cooperativismo coa unión de pequenos fíos que se van facendo fortes e van creando rede. “Esa é unha das maneiras que temos de traballar, horizontal, unha maneira en que todas as persoas teñen os mesmos dereitos e as mesas capacidades, unha maneira de traballar diferente”, manifestou a rexedora.
Goretti Sanmartín parabenizou o traballo das cooperativas, concluíndo que “en certa maneira fai algo por ese sostén dunha humanidade cunhas relacións distintas no mundo do traballo e a economía”. “Desde o cooperativismo reescribides (como fixo Begoña Caamaño coa mitoloxía) a historia económica e a historia social para que todas esas persoas invisibles ocupen un primeiro plano, que todo o mundo se sente á mesma altura e todo o mundo poda opinar e falar. Temos que agradecer e aprender día a día desa rede onde se traballa pola xustiza, a igualdade e os dereitos”.
Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude salientou que “falar de cooperativismo é falar de desenvolvemento económico a través de proxectos empresariais centrados nas persoas, respectuosos co medio ambiente, que apostan pola igualdade e pola participación, e que ademais se escriben en clave feminista”. María Rozas lembrou que “Santiago ten xa un ecosistema consolidado, con máis de cen cooperativas e case 70 sociedades laborais, ás que queremos que se sigan sumando novos proxectos porque iso é clave para lograr a verdadeira diversificación económica de Compostela”. Nese sentido, a tenenta de alcaldesa lembrou o compromiso do Concello con este modelo, a través de iniciativas como o Plan de Acción da Economía social que verá a luz este ano, o convenio de colaboración que o departamento de Promoción Económica mantén coa Unión de Cooperativas Espazocoop, as axudas directas que xa beneficiaron a numerosas entidades de Santiago, ou os Premios á Excelencia Empresarial que inclúen unha categoría específica para s cooperativas.
O evento “Transformando a cidade dende o cooperativismo” comezou coa representación da obra “As que limpan”, da compañía A Panadaría. Posteriormente, celebrouse un coloquio oa participación de representantes das cooperativas A Panadaría, 7H, Cidadanía e Maos.
A programación contou co financiamiento do Concello de Santiago, a través do programa Feito en Santiago que impulsa o departamento de Promoción Económica.