Aberto ata o 1 de outubro o prazo para presentar candidaturas aos IV Premios á Excelencia Empresarial
O Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, ten en marcha unha nova edición dos Premios á Excelencia Empresarial para distinguir ás empresas de Compostela polas súas boas prácticas en diferentes eidos. O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 1 de outubro.

Os Premios á Excelencia Empresarial nacen co fin de premiar ás empresas que se distinguen polas súas boas prácticas no eido da conciliación, economía circular, aplicación da innovación e ciencia no modelo de negocio, a comercialización de produtos e servizos culturais, o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda Urbana 2030, o desenvolvemento da economía social e a retención do talento. Cada categoría contará cun premio por importe de 6.000 euros, e haberá ademais tres mencións especiais por importe de 2.000 euros cada unha delas.
O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 1 de outubro ás 23.59 horas. O departamento de Promoción Económica fará un cómputo das candidaturas presentadas por categoría e comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases.
As empresas gañadoras serán seleccionadas por un xurado do que formarán parte a alcaldesa, a concelleira de Promoción Económica, e representantes da Cámara de Comercio, a Área Empresarial do Tambre, a Unión de Cooperativas EspazoCoop, a Universidade de Santiago, o departamento de Promoción Económica, e a directora executiva da Axenda Urbana 2030.