• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Pleno aproba unha declaración institucional polo Ano Internacional das Cooperativas 2025

Data de escritura

A Corporación municipal, na sesión ordinaria do mes de setembro, deu luz verde a unha declaración institucional con motivo da celebración do Ano Internacional das Cooperativas 2025.

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas declarou 2025 como o Ano Internacional das Cooperativas, baixo o lema “As cooperativas constrúen un mundo mellor” e co obxectivo de recoñecer o seu papel no impulso do desenvolvemento sostible.

Con este motivo, e como institución comprometida co fomento da economía social e o cooperativismo o Concello aprobou por unanimidade unha declaración que pon o foco en que é posible combinar progreso económico, responsabilidade social, e sostibilidade ambiental apostando polo modelo do cooperativismo.

O acordo aprobado en pleno recolle que:

● O Concello de Santiago súmase á celebración do Ano Internacional das Cooperativas e fai un chamamento a traballar conxuntamente desde as institucións públicas e as entidades privadas para que Compostela continúe a ser exemplo e referente no eido do cooperativismo, mostrando como as cooperativas son a clave para construír unha Compostela máis xusta, sustentable e equitativa.

● O Concello de Santiago comprométese a, en colaboración co movemento cooperativo, promover o cooperativismo entre a cidadanía, potenciar o emprendemento cooperativo, mellorar a xestión e a gobernanza das cooperativas, e consolidar políticas públicas que permitan contribuír de forma activa aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Intervención

Co gallo da aprobación desta declaración institucional, a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira Blanco, participou este xoves no pleno cunha intervención na que defendeu a relevancia das cooperativas como entidades que promoven valores de solidariedade, democracia económica e compromiso co territorio.