• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Aberto ata o 17 de xuño o prazo de presentación de solicitudes de axudas aos tipos de xuro por parte de autónomos e empresas de ata 10 traballadores/as

Data de escritura

Ata o 17 de xuño estará aberto o prazo para que autónomos e empresas de ata 10 traballadores/as poidan presentar as súas solicitudes de axudas para pagar os xuros das operacións financeiras que teñan subscrito. A convocatoria, incluída no Plan Marco de Reactivación Económica, está dotada cun orzamento de 100.000 euros, ampliables a 400.000 euros

Estas axudas teñen como obxectivo, xunto co resto de accións incluídas no Plan Marco de Reactivación Económica do Concello de Santiago, minimizar o impacto da crise económica derivada da COVID-19, achegar recursos para atender as necesidades de liquidez das microempresas. facilitar a súa recuperación económica e contribuír ao mantemento da actividade económica e á protección do emprego

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou sociedades civís, legalmente constituídas, con sede social, física e de actividade no Concello de Santiago de menos de 11 traballadores no momento da declaración do estado do alarma e directamente afectadas pola crise do COVID-19; con excepción das empresas dedicadas ao comercio polo miúdo, que teñen unha convocatoria de axudas propia no marco do programa municipal Coidar para mellorar.

As axudas están destinadas a sufragar os xuros das operacións financeiras ás que tiveran que recorrer as empresas por mor da emerxencia sanitaria. Así, a través destas axudas poderanse subvencionar os seguintes gastos:

- Xuros de préstamos concertados con posterioridade ao 14 de marzo de 2020 e pagados dende esa data ata o 2 de novembro.

- Liquidacións das pólizas de crédito devindicadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 2 de novembro de 2020.

O importe da subvención será do 75% do orzamento de gastos, co límite de 1.000 euros por persoa beneficiaria.

A concesión da axuda realízase por orde de entrada da solicitude no rexistro, logo de comprobar que a persoa solicitante cumpre os requisitos esixidos na convocatoria e ata o esgotamento do crédito orzamentario, establecido en 100.000 euros, ampliable a 400.000 euros.

Para calquera dúbida sobre esta convocatoria, as persoas interesadas poden contactar telefonicamente co persoal técnico do CERSIA Empresa no 981 542 493 e por correo electrónico na dirección cersia@santiagodecompostela.gal.

Máis información e documentación da convocatoria na web de Cersia Empresa.

Compostela Móvese
O programa Compostela Móvese integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. Para este ano 2020 conta cunha programación especial adaptada as necesidades xeradas no tecido industrial pola crise sociosanitaria do COVID-19.