Concello e Deputación apostan pola biotecnoloxía e a madeira como industrias para o desenvolvemento e a estabilidade económica na cidade
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu esta mañá a visita institucional do presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Previamente, ambos mandatarios visitaron a madeireira Finsa e mantiveron un encontro coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.




Na visita a FINSA puideron coñecer en detalle as instalacións e a actividade da madeireira, acompañados por directivos e membros do comité executivo da compañía. Xa no Centro Empresarial do Tambre, foron informados das actuacións da asociación en relación ao Polo de Innovación e Biotecnoloxía e outras cuestións relevantes para o contexto económico da área.
Tanto Bugallo coma Formoso fixeron fincapé na importancia de que Santiago, e tamén a provincia da Coruña, aposte pola industria, nomeadamente pola relacionada coa biotecnoloxía e a madeira. O presidente da Deputación incidiu en que a institución que el preside apoia o desenvolvemento empresarial para "poder falar dun futuro distinto vinculado á investigación" e á industria.
Pola súa banda, o alcalde recalcou que é máis necesario que nunca "pasar da investigación á industrialización" que é o que "nos pode permitir fixar unha poboación ben formada e especilizada".
A visita rematou cun encontro no Pazo de Raxoi cos voceiros dos grupos municipais; Sindo Guinarte, Alejandro Sánchez-Brunete, Goretti Sanmartín e Marta Lois.