• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A sexta edición da Maker Faire Galicia terá lugar do 18 ao 22 de novembro en formato online

Data de escritura

Hoxe presentouse a sexta edición da Maker Faire Galicia, que se celebrará do 18 ao 22 de novembro, en formato online. Durante a feira, na que colabora o Concello de Santiago, trataranse temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, educación e innovación social. No acto de presentación, o alcalde compostelá, Xosé Sánchez Bugallo, destacou o programa desta edición, que lle parece, sinalou "extraordinariamente interesante". Ademais do rexedor, na rolda de prensa estiveron presentes Marcos Saavedra, en representación da Maker Faire; Ana Isabel Vázquez Reboredo, directora-xerente da Cidade da Cultura; e José Luis Mira Lema, secretario xeral de Educación e Formación Profesional.

Sánchez Bugallo resaltou que o 70% dos poñentes son mulleres", o que lle chama a atención "positivamente". Para o rexedor, isto significa que a incorporación das mulleres ás novas tecnoloxias está sendo "tremendamente positiva". Tamén incidiu en como se afronta a feira, "desde multitude de ámbitos: da producción, das ciencias sociais…" Hai iniciativas, sinalou "que se están desenvolvendo que implican que as novas teconoloxías, que a dixitalización, que esta innovación chegou para quedarse; e que vai ser transversal a todos os segementos da poboación e en todos os sectores.

Segundo asegurou Sánchez Bugallo, "Santiago é unha cidade histórica, pero aspira a ser unha cidade de futuro, que sexa capaz de ofrecer alternativas a unha poboación cun elevado nivel de formación, cunhas expectativas", pero que non atopan unha saída laboral en Galicia. Nese sentido, continuou, "Marker Faire incide en aspectos que para nós son fundamentais e complementarios para ofrecer un futuro a estas xeracións e ao noso país: o emprendemento e a innovación".

O rexedor recordou que este é un ano "atípico para o noso país. Un ano excepcional, extraño, pero cunha parte positiva: obrígannos avanzar a unha velocidade máis rápida que nun ano tradicional". Uns meses, engade Sánchez Bugallo, "no que veremos cambios tecnolóxicos, como os que xa estamos vendo no ámbito da dixitalización e das telecomunicacións". Pon como exemplo, os encontros en liña. Cambios, indica, "que chegaron para quedar e que van supor unha aceleración extraordinaria". O alcalde asegura que vivimos un tempo "no que hai determinados sectores da nosa economía que están sendo devastados, pero ao mesmo tempo, tamén se nos están ofrecendo multitude de novas oportunidades que veremos agromar nos próximos meses".

Para Sánchez Bugallo, esta edición de Maker Faire é probable que sexa a primeira "dunha morea de edicións futuras, nas que as telecomunicacións van ser un elemento absolutamente fundamental". Finalmente o rexedor agradeceu aos organizadores da feira "a constancia no empeño e a capacidade de adaptación ás novas circunstancias" e amosouse satisfeito de poder seguir colaborando e "axudándovos a medrar".

PROGRAMA
Tras cinco edicións, polas que pasaron máis de 50.000 visitantes, chega a nova edición da Maker Faire Galicia. Nela poderase ver e interactuar con makers de todas as idades que ensinarán os seus proxectos a través da plataforma online que foi desenvolvida para este evento. Esta plataforma, de acceso totalmente gratuíto mediante rexistro, funciona de modo similar a Google Street View, polo que os asistentes poderán circular polo Museo Gaiás, contemplar os proxectos e facer preguntas en directo aos/as makers. Tamén poderán participar en talleres ou asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais.

Durante a feira trataranse temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, educación e innovación social. Entre eles estarán algúns dos hits que a organización xa anunciou como Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX), Sofía Belenguer, co-creadora e CEO da app que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real (MyRealFood), Maitane Alonso que sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos ou Antón Vázquez de Alén Space, a empresa galega dedicada ao deseño e construción de satélites dixitais.

Durante as xornadas profesionais, que terán lugar os días 18 e 19 de novembro, poderase gozar de mesas moi diversas, desde unha sobre aceleradoras e o ecosistema maker, a outra sobre a reindustrialización e a análise dos retos da nova industria. Tamén se falará do sector téxtil e a economía circular, para o que a feira contará con Lola Dopico, doutora en Belas Artes e profesora en Uvigo, Idoia Cuesta, premio nacional de artesanía, especializada en cestería, Maria Almazán, directora de LATITUDE e Arantza Vilas, fundadora e directora creativa de Pinaki Studios.

Ademais, os asistentes poderán gozar da xa coñecida competición de proxectos na que participarán unha selección dos 10 proxectos máis innovadores a nivel profesional. En canto a actividades, destacan a mentoría para Startups ofrecida por Startup Galicia, na que asesorarán de forma totalmente gratuíta a todos/as os/as makers interesados/as en vivir do seu proxecto, ou o taller que impartirá Bruno Moya (creador de Glassear) no que ensinará a crear unha app de realidade aumentada en tan só 1 hora.

Na xornada educativa, o 20 de novembro, numerosos centros educativos, tanto de España como de Portugal, participarán expoñendo proxectos innovadores; entre todos eles os mellores resultarán premiados. Durante esta xornada terán lugar tres mesas redondas, unha delas versará sobre as diferentes realidades da innovación educativa, na que intervirán José Viñas (premio Educa Abanca como 4º mellor docente de España) ou María do Camiño Pereiro (finalista ao premio ao Mellor Docente de España na categoría de Primaria), entre outros. A segunda mesa tratará sobre educación inclusiva e nela intervirá Javier Mur, coñecido polo proxecto Guillén, onde integrou na dinámica da aula a un alumno con cancro. A última mesa estará relacionada coa aplicación da tecnoloxía no sector da educación e nela participarán Carmen Fernandez Morante (decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC), Conchy Fernandez (asesora TIC do Centro de Autonómico de Formación e Innovación, CAFI), Carmela Salgueiro (docente en VermisLAB) e Luz Castro (Socia fundadora de imaxin|software).

Ademais das mesas e charlas desenvolveranse distintas actividades, como a Game Maker Jam, unha competición para crear un videoxogo en dous días, ou talleres sobre computación cuántica ou robótica virtual con Mbot.

Por último, as xornadas abertas celebraranse o 21 e 22 de novembro e nelas poderase gozar de charlas como a de Javi Serrano e Rocío Lozano que falarán de NeuroTech Galicia e como funciona esta comunidade relacionada coa neurotecnoloxía, ou a de María Noguerol e o proxecto iniciado pola súa tía, Manuela Carmena, Cosiendo el paro, no que persegue a integración social e laboral de persoas en situación de exclusión ou perda de liberdade.

Tamén haberá espazo para mesas redondas. Por exemplo na de "Game Makers" analizarase o papel dos videoxogos e como evolucionaron ata hoxe en día. A mesa "Makers vs. Covid" reflexionará sobre a actuación da comunidade maker fronte á pandemia, desde o estado de alarma ata o de agora e cales son as perspectivas de futuro.

Ademais, poderase gozar de talleres para todas as idades, entre eles haberá un sobre a construción dun levitador ultrasónico, que ofrecerá Asier Marzo (colaborador de programas como El Hormiguero) ou a diversa oferta de VermisLAB con talleres de introdución á robótica con Micro:BIT, introdución ao desenvolvemento de videoxogos básicos, ciencia espacial ou electrónica creativa con plastilina condutiva.

Ao final das xornadas premiaranse os proxectos máis votados polos asistentes nas diferentes categorías e entregarase o Maker de mérito. A diferenza doutros anos esta feira virtual non será efémera, senón que os contidos permanecerán en aberto ata a celebración da seguinte edición e engadiranse outros novos que poidan resultar de interese aos rexistrados.

A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD).

Documentos relacionados