As asociacións de comerciantes da cidade apostan por retrasar a terceira convocatoria de axudas ante a posibilidade de que se incremente a súa contía
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo esta mañá un novo encontro coas asociacións de comerciantes Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede, Fundación Santiago Centro, e Ourives de Compostela, para seguir traballando sobre as bases do terceiro plan de reactivación económica para os sectores que máis de cerca están padecendo as consecuencias das medidas restritivas ditadas para frear a pandemia, neste caso o comercial.
Na reunión o alcalde informounos da posibilidade de que esa partida se vexa incrementada: \"despois do tratado na Xunta de Voceiros desta mañá e con cargo aos remanentes estase plantexando un incremento significativo da partida destinada a axudas, que inicialmente estaba prevista en 933.000 euros\", indicou Sánchez Bugallo.
Á vista desta posibilidade, \"decidiuse aprazar a convocatoria ata que estea definida esta situación\", confirmou o rexedor, que conta con que \"nun prazo aproximado de 15 días isto poida ter unha resposta\". Deste xeito, agardaríase dúas semanas máis para sacar a convocatoria pero cun \"incremento da partida\", no canto de facer dúas convocatorias seguidas que, segundo sinalou o alcalde, dificultaría a xestión.
Ao poñer sobre a mesa esta posibilidade, os comerciantes \"plantexaron que lles gustaría revisar a contía dos importes\" destinados a cada comercio, \"de tal maneira que aqueles que experimenton unha baixada menor non reciban a mesma cantidade que os que experimentaron unha maior, e os que teñen máis gastos de persoal teñan máis axudas que os que teñen menos gastos\".
O goberno trasladará aos comerciantes unha nova proposta a semana que vén recollendo as súas suxerencias. \"Espero que para mercores ou xoves poida estar\", engadiu o rexedor. Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, reunirase co sector hosteleiro para tratar este mesmo tema.